Mugardos (A Coruña), 23 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no centro de formación Francisco Vizoso aos alumnos do obradoiro de emprego Reinicia X, impulsado polos concellos Mugardos, Fene e Ares e que permitirá formar a 20 alumnos nas especialidades de carpintería e moble e aplicación de vernices e lacas -unha especialidade con dous certificados- e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións.

Durante a visita na que estivo acompañada do alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, Aneiros puido comprobar o grao de satisfacción dos participantes coa iniciativa e animounos a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as súas posibilidades de empregabilidade. “A formación que estades a recibir é unha ventá ao mercado laboral porque as empresas da nosa comarca precisan de xente formada e cualificada e aí podedes atopar a vosa oportunidade”, alentounos a responsable do Goberno galego.

O obradoiro Reinicia X iniciouse o pasado decembro e ten unha duración de 12 meses. É un dos obradoiros concedidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na área territorial e conta cun investimento autonómico de 531.046 euros.

Martina Aneiros aproveitou a ocasión para poñer en valor o compromiso da Xunta coa xeración de emprego en Ferrolterra e a formación das persoas en situación de desemprego. “Un exemplo diso son os programas formativos como o que hoxe visitamos e que chegan xa a súa décima edición o que fala de por si do éxito da convocatoria orientada a cubrir as demandas reais do entorno o que permite unha integración laboral máis alta”, destacou.

Loading...