Santiago de Compostela, 18 de maio de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, continua co proceso de escoita activa iniciado hai unhas semanas cos principais axentes sociais e económicos de Galicia. Tras recibir aos líderes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e dos sindicatos CCOO, UXT e CIG, celebrou unha xuntanza co presidente da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia), José Ramón Caldas, unha cita á que tamén acudiron Jaime Barreiro, membro de APE, así como o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
O novo titular de Emprego, Comercio e Emigración do Goberno galego considera clave seguir mantendo o diálogo e o entendemento cos principais colectivos e entidades de Galicia para deseñar desde o acerto as políticas sobre as que ten competencias. Tamén apelou á colaboración público-privada para seguir impulsando en Galicia o emprego, o comercio e o retorno das galegas e dos galegos no exterior e, en definitiva, para continuar dinamizando a economía galega.