En canto ao reto do absentismo laboral inxustificado, González sinalou que pronto haberá máis resultados do informe das universidades de Santiago e Vigo do que se trasladaron as primeiras conclusións aos axentes sociais no marco do diálogo social

Tamén se referiu á cobertura de vacantes e á estratexia autonómica neste eido, á que se dará pulo o próximo ano con novidades nas dúas vertentes que a rexen, que son a aposta pola formación flexible para reter talento e a atracción de talento exterior

Explicou que o Goberno galego seguirá potenciando o vindeiro ano o paquete único de axudas específicas ás persoas autónomas, de máis de 40 M€, e ferramentas como a Rede de polos, que leva atendidos preto de 5.000 proxectos

Defendeu o diálogo social para abordar os retos do mercado laboral, unha ferramenta que o Executivo autonómico impulsará cun futuro decreto que o institucionalizará

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo en Vigo a importancia da colaboración público-privada e o papel da Xunta como Administración facilitadora eliminando obstáculos ao tecido empresarial para contribuír á súa actividade. Así o expuxo durante a clausura do encontro de secretarios xerais e xerentes das organizacións empresariais da provincia de Pontevedra, no que tamén participou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e ao que asistiron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.

Alí o conselleiro tamén se referiu a dous dos retos globais do mercado laboral, como a cobertura de vacantes e o absentismo inxustificado. En relación co absentismo, sinalou que a Xunta aborda esta cuestión cos axentes sociais nunha mesa específica do diálogo social na procura de posibles solucións ante o seu impacto para empresas e traballadores. Nesta liña, subliñou a necesidade de detectar as razóns do diferencial entre os índices que presenta Galicia e o resto das autonomías para poder atallar este fenómeno e sinalou que pronto haberá máis resultados do informe das universidades de Santiago e Vigo do que se trasladaron as primeiras conclusións aos axentes sociais.

No apartado sanitario, no encontro a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, expuxo as iniciativas que contempla o Plan de mellora e control das incapacidades temporais. Entre elas destacou a emisión de partes de baixas por ingreso en caso de cirurxía programada desde os hospitais. No que vai de ano emitíronse preto de 3.000, evitándolle a cada paciente ter que acudir ao centro de saúde para solicitalo.

Outro desafío que tratou o titular de Emprego é o da cobertura de vacantes, que afecta á actividade de varios sectores e repasou algunhas das medidas da estratexia autonómica que potencia dúas innovadoras apostas e á que se dará pulo no 2026. Unha aposta desenvólvese no interior, cun modelo de formación para o emprego flexible, axustado ás necesidades reais do tecido empresarial, con medidas novidosas o ano que vén, como un proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas (5 M€). A outra aposta enfócase ao exterior, co plan Galicia suma talento para a captación ordenada de persoas traballadoras e que abarca novidades como a posta en marcha dunha Oficina de Atracción de Talento no primeiro trimestre de 2026.

Ademais, o conselleiro destacou que no 2026 a Xunta consolidará o seu apoio aos autónomos con accións como o paquete único de axudas específicas ás persoas autónomas, ao que destinará máis de 40 M€, e ao emprendemento con ferramentas como a Rede de polos, que leva atendido preto de 5.000 proxectos.

Xestión autonómica facilitadora

Para abordar retos coma estes, expuxo José González, é esencial o diálogo social que a Xunta impulsará na súa institucionalización cun futuro decreto que regulará a composición, funcionamento e organización das mesas de diálogo social en Galicia. Ademais, salientou o labor das organizacións empresariais, como a Confederación Empresarial de Pontevedra, na representación dos intereses do tecido produtivo.

Estas accións autonómicas, explicou José González, enmárcanse na xestión facilitadora pola que avoga o Goberno galego e que tamén inclúe varias demandas trasladadas ao Goberno central que son fundamentais para facilitar a incorporación de talento ao mercado laboral galego como a axilización na homologación de títulos universitarios e no traspaso de competencias das autorizacións iniciais de traballo, así como a actualización do catálogo dos postos de difícil cobertura. Ademais, lamentou que o Goberno central non tivese en conta as microcredenciais na reforma da Lei de estranxeiría, un enfoque que defende e aplica Galicia no Programa de arraigamento, que contribúe a regularizar a situación de persoas migrantes de xeito ordenado e en base a un emprego e, ao mesmo tempo, á cobertura de necesidades de man de obra.

Loading...