A delegada da Xunta reuniuse co presidente da entidade, Antonio Ferreiro, para coñecer os seus proxectos e necesidades e puxo en valor unha traxectoria de 30 anos de atención especializada
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha reunión co presidente de Párkinson Galicia-Coruña, Antonio Ferreiro, na que puxo en valor a traxectoria desta asociación e o importante labor social que desenvolve desde hai tres décadas para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas pola enfermidade de Parkinson e das súas familias.
Durante o encontro, Belén do Campo salientou que a entidade, nacida en 1996 da man dun grupo de persoas afectadas pola enfermidade e dos seus familiares, se converteu nunha organización de referencia no ámbito da atención especializada, a rehabilitación e o acompañamento ás persoas que conviven con esta doenza.

A delegada destacou a dimensión do traballo que realiza Párkinson Galicia-Coruña, que conta actualmente con 710 persoas socias, presta atención directa semanal a 280 persoas usuarias. Ao longo do ano, a asociación realiza arredor de 33.000 intervencións, uns datos que reflicten o alcance e o impacto social da súa actividade.o
Belén do Campo puxo tamén en valor o modelo de atención integral que ofrece a asociación, baseado nun acompañamento próximo e continuado e na prestación de servizos especializados que contribúen a preservar a autonomía persoal e o benestar das persoas usuarias.
Neste sentido, trasladou o compromiso da Xunta de Galicia de continuar colaborando estreitamente coa entidade para avanzar na atención, nos coidados e no acompañamento das persoas afectadas polo Parkinson e das súas familias.
Neste sentido, lembrou que, no ano 2026, a Consellería de Sanidade concedeu a Parkinson Galicia-Coruña unha subvención de preto de 10.000 euros para o desenvolvemento do seu Programa de atención integral a persoas con párkinson e parkinsonismos, ao abeiro da convocatoria dirixida a entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario relacionados coas enfermidades neurodexenerativas. Ademais, tamén se benefician, este ano, do convenio de colaboración de COGAMI coa Consellería de Sanidade, con outros 10.000 euros, para o programa de apoio á recuperación integral de persoas con discapacidade orgánica e enfermidades crónicas.

Ademais, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, a asociación contou en 2025 cunha achega de case 14.000 euros para o proxecto Recursos e apoios técnicos para a atención a persoas con párkinson, dentro da liña de investimentos.
A delegada tamén destacou o apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que concedeu á entidade máis de 22.400 euros en 2026 para o fomento do emprego, ao abeiro dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro. Ademais, no ano 2026 contan cunha subvencións de máis de 43.000 euros dentro dos Programas de Cooperación 2026 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a entidades sen ánimo de lucro para financiar a contratación de persoas desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero en servizos de interese xeral e social.
Por outra banda, Belén do Campo foi informada da situación na que se atopa o proxecto de construción da nova sede da asociación. Unha actuación que representa un paso decisivo para o futuro da entidade, xa que lle permitirá ampliar os seus servizos, mellorar as súas instalacións e seguir ofrecendo unha atención de calidade.
A delegada concluíu destacando o papel fundamental das asociacións de pacientes, que realizan un labor imprescindible de acompañamento ás persoas afectadas e ás súas familias, e reafirmou a vontade da Xunta de seguir traballando da súa man para dar resposta ás necesidades futuras.