Vigo, 24 de novembro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá nun encontro promovido pola Asociación de Comerciantes das Travesas de Vigo (Aetravi) e o Polo de emprendemento do Porriño co obxectivo de achegar ao sector comercial os recursos da Rede de polos e explorar novas oportunidades de colaboración. A xornada permitiu dar a coñecer os servizos de asesoramento e acompañamento que ofrece esta iniciativa autonómica, tanto para apoiar a creación de novos negocios como para favorecer a consolidación dos xa en funcionamento. Entre os recursos presentados destacouse especialmente o servizo de remuda, que facilita o contacto entre negocios que buscan continuidade con persoas interesadas en asumilos, un proceso que conta, ademais, co respaldo económico do Bono Remuda.
Gabriel Alén incidiu na importancia de fomentar este tipo de espazos de intercambio, que permiten achegar os instrumentos de apoio ao tecido comercial, poñer en común experiencias e detectar novas vías de cooperación. A programación completouse coas intervencións de varios comerciantes e cun espazo de networking orientado a reforzar as relacións entre os participantes e propiciar o intercambio de coñecementos.
