A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, asistiu hoxe en Expourense ao acto co gallo da clausura do 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar e visitou as cooperativas participantes no evento
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron hoxe en Expourense ao acto co gallo da clausura do 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar. Posteriormente, a directora xeral visitou as cooperativas participantes no evento, no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería do Medio Rural participan cunha aula de catas na que ao longo das xornadas deste salón se presentan e degustan produtos de 12 cooperativas e outras entidades de economía social, que se incorporan tamén aos menús.
En concreto, hoxe a aula de catas acolle as presentacións e catas da Panificadora Mencer (empanadas e repostaría), Viña Costeira (viños) e Barbudos (licores e augardentes). Nas xornadas anteriores participaron Amarelante (castañas), dentro da presentación da IXP Castaña de Galicia, Campo Capela, Cobideza e Hoxe (queixos), Daveiga (mariñeiras) e Andaina Prosaúde Mental (sidra e zumes). Tamén participou Tres Fuciños (porco celta, fresco ou en embutido), Bico de Xeado (xeados) e Viños Barco (viño).
Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural desenvolveu un amplo programa de actividades ao longo dos catro días desta feira baixo a marca Aquí Sabemos – Alimentos de Calidade Diferenciada de Galicia, que impulsa o coñecemento e recoñecemento dos produtos alimentarios de calidade diferenciada.