A delegada da Xunta destacou que o programa EMEGA, é unha iniciativa do Goberno galego destinada a fomentar o emprendemento feminino, apoiar a creación de empresas e favorecer o emprego estable

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, e a directora territorial da Consellería de Política Social María Blanco, visitou hoxe dous negocios impulsados por mulleres e beneficiarios das axudas do programa EMEGA, unha iniciativa do Goberno galego destinada a fomentar o emprendemento feminino, apoiar a creación de empresas e favorecer o emprego estable. Durante a visita a delegada lembrou que onte, 19 de novembro, celebrouse o Día Internacional da Muller Emprendedora, unha xornada que ten por obxectivo visibilizar o talento feminino, fomentar a igualdade de oportunidades e analizar os retos específicos aos que se enfrontan as mulleres ao crear e facer crecer os seus negocios

Durante a visita, Belén do Campo informou da resolución da convocatoria deste ano, dotada con 5 millóns de euros, e puxo en valor a importancia destas achegas para facilitar que as mulleres poidan poñer en marcha os seus propios proxectos empresariais, consolidalos e xerar novas oportunidades laborais.

Belén do Campo destaca o apoio da Xunta a 31 iniciativas de emprendemento feminino na cidade e comarca da Coruña con 447.000 euros a través do programa EMEGA

As dúas iniciativas visitadas en Cambre recibiron axudas ao abeiro da liña Emerxe. En concreto, o estudo de cerámica Cor de Ardora obtivo unha achega de 10.000 euros para a contratación dunha traballadora por conta propia, mentres que Miuda Fisioterapia contou cunha subvención de 16.000 euros para a contratación de dúas traballadoras por conta propia.

A delegada salientou que este tipo de apoios permiten transformar proxectos emprendedores en oportunidades reais de actividade económica e emprego, ao tempo que contribúen a reforzar o tecido empresarial local e a avanzar cara a unha maior igualdade de oportunidades.

No conxunto da provincia da Coruña, a convocatoria beneficiou 135 iniciativas, cunha achega global superior aos 1,7 millóns de euros. Na comarca da Coruña, incluída a cidade, resultaron beneficiarias 31 iniciativas, que recibiron en total 447.000 euros. Delas, 20 corresponden á cidade da Coruña, cunha achega de 299.000 euros; catro a Cambre, con 56.000 euros; dúas a Arteixo, con 38.000 euros; dúas a Culleredo, con 20.000 euros; dúas a Oleiros, con 24.000 euros, e unha a Carral, con 10.000 euros.

Belén do Campo destaca o apoio da Xunta a 31 iniciativas de emprendemento feminino na cidade e comarca da Coruña con 447.000 euros a través do programa EMEGA

Belén do Campo explicou que o programa EMEGA ten como finalidade promover o apoderamento económico e social das mulleres, incrementar a súa participación nos distintos ámbitos da sociedade e contribuír a eliminar a fenda de xénero. “O impulso ao emprendemento feminino é unha das liñas básicas de actuación da Xunta no marco da igualdade de oportunidades, porque apoiar as mulleres que deciden emprender significa tamén apoiar a creación de riqueza, emprego e futuro para Galicia”, sinalou.

Modalidades

A convocatoria de 2026 mantivo as catro modalidades de apoio das edicións anteriores. A liña Emerxe, destinada a impulsar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable, contempla axudas de ata 22.000 euros. Impulsa, con achegas de ata 17.000 euros, está dirixida á reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres. Pola súa banda, Innova ofrece ata 42.000 euros para proxectos con contido científico ou base tecnolóxica, mentres que Concilia, complementaria das anteriores e de ata 5.000 euros, busca favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das emprendedoras e das traballadoras.

A delegada concluíu destacando o compromiso da Xunta con políticas que favorezan a autonomía económica das mulleres, o desenvolvemento de novos proxectos empresariais e a creación de emprego feminino, especialmente no ámbito local, onde estas iniciativas contribúen a dinamizar a economía e xerar novas oportunidades.

Loading...