A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe na inauguración da xornada de peche do proxecto transfronteirizo Iqual Campus, desenvolvido durante os últimos tres anos no marco do programa homónimo Interreg POCTEP (España–Portugal) coa finalidade de reforzar e promover a igualdade de xénero no ámbito laboral. Alí xustificou o liderado da Xunta de Galicia nesta iniciativa na necesidade de apostar por un sistema de recursos, ferramentas e experiencias concretas de aprendizaxe a prol da igualdade laboral, que se materialice non só nos centros de traballo, senón tamén xa na etapa educativa e, por suposto, nas institucións.
Neste senso, a secretaria xeral puxo en valor o campus en liña gratuíto —dirixido á cidadanía da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal— que se implementou co obxectivo de poñer en valor a igualdade de oportunidades no emprego mediante un sistema formativo especializado cun enfoque transfronteirizo. Agradecendo a implicación no proxecto da Universidade de Santiago de Compostela, da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, da Comunidade Intermunicipal do Cávado e da Universidade do Porto, celebrou o resultado da experiencia e as propostas presentadas de mellora e continuidade, recordando a traxectoria autonómica nesa dirección con iniciativas como o campus en liña de igualdade laboral que leva funcionando desde 2021.

