González lembra que o plan acordado no Diálogo Social prevé medidas para axudar as pequenas empresas e persoas autónomas a avanzar neste eido e a facer fronte a situacións de baixas laborais longas

Pon como exemplo de bo uso da IA a ferramenta EMi coa que o Servizo Público de Emprego de Galicia realiza o perfilado competencial reforzando os servizos autonómicos de orientación laboral á cidadanía

Destaca a contribución do programa Responsabilízate —de asesoramento a prol da sostibilidade nas pemes— ao benestar organizacional, á reputación empresarial e no pulo dunha rede de colaboración entre as empresas participantes nesta iniciativa

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou esta mañá en Vigo na inauguración do V Foro CEP Empresa Sostible, organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) e centrado no papel da intelixencia artificial como ferramenta para mellorar a competitividade e sostibilidade empresarial. No acto —que contará na clausura coa participación do director xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Ignacio Maestro—, o conselleiro salientou a importancia do benestar laboral como aspecto fundamental na sostibilidade empresarial e o labor de Galicia para potencialo co plan integral nesta materia, aprobado no seo do Diálogo Social e que ten moi presentes as pemes, microempresas e persoas autónomas.

Neste contexto, explicou que o plan —para o período 2026-2029 e con algunhas medidas xa en marcha— prevé distintas actuacións para axudar as pequenas empresas e persoas autónomas a avanzar na prevención e mellora do benestar laboral e a facer fronte ás situacións derivadas de baixas laborais longas.

A Xunta destaca o benestar laboral como piar clave na sostibilidade empresarial e o labor de Galicia para abordar esta cuestión de xeito integral

Na mesma liña, está prevista a creación dunha Fiestra Única Galega de Saúde Laboral e Apoio á Reincorporación Saudable para canalizar toda a información relativa ao plan e atender consultas tanto de empresas como de persoas traballadoras. Todo isto, subliñou, co fin de acompañar a aquelas que o necesiten a prol de fortalecer a seguridade e saúde nas contornas laborais da comunidade.

A IA e o mercado laboral

En relación co uso da intelixencia artificial no ámbito laboral, destacou o labor e a implicación das empresas participantes no foro, que abordarán o tema nas diferentes mesas e actividades con especial atención ás pemes. Neste sentido, exporán experiencias de boas prácticas en materia de sostibilidade empresarial relacionadas coas novas tecnoloxías, así como ferramentas para unha peme máis competitiva. Tamén agradeceu á CEP a súa implicación e á Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia —Aproema— a súa colaboración para que esta cita sexa unha realidade.

A Xunta destaca o benestar laboral como piar clave na sostibilidade empresarial e o labor de Galicia para abordar esta cuestión de xeito integral

Ademais, puxo de exemplo de boa práctica a ferramenta EMi do Servizo Público de Emprego de Galicia, que se apoia na IA e coa que se realiza o perfilado competencial reforzando os servizos autonómicos de orientación laboral á cidadanía. Unha ferramenta que tamén conta cunha app con recursos apoiados na IA como un xerador de currículos e un adestrador de entrevistas e que estará plenamente operativa en próximos días.

Programa Responsabilízate

Outra iniciativa autonómica á que se referiu González e que se abordará neste foro é Responsabilízate, un programa de asesoramento personalizado e gratuíto a prol da sostibilidade nas pemes. En relación con el, sinalou que incorpora un servizo específico de benestar organizacional que permite ás pequenas e medianas empresas deseñar actuacións adaptadas ás súas necesidades. Así, segundo explicou, contribúe a fortalecer a reputación empresarial, a favorecer a retención e atracción de talento e a impulsar unha rede de colaboración entre as empresas participantes para o intercambio de coñecementos e boas prácticas en materia de sostibilidade.

Loading...