A iniciativa, organizada por Wake Up! co apoio da Xunta de Galicia, aborda o posicionamento da industria musical galega no panorama estatal e o potencial da música electrónica como ámbito de emprendemento e innovación
A Casa de Galicia en Madrid converteuse hoxe nun punto de encontro para o talento e a industria musical galega coa celebración dunha nova xornada de O Camiño do Emprendemento Musical, unha iniciativa que busca impulsar o espírito emprendedor entre a mocidade e achegar novas oportunidades profesionais nun sector que combina cultura, creatividade e actividade económica.
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, participou no encontro xunto coa secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha sesión que permitiu compartir experiencias e coñecementos con artistas e profesionais de diferentes ámbitos da industria musical.

Durante a súa intervención, Luis E. Ramos deu a benvida aos asistentes lembrando que a Casa de Galicia é a casa de todas e de todos, e que nesta ocasión se converte tamén “na casa da música galega”. O director agradeceu aos organizadores que trouxesen á institución “unha parte esencial da nosa identidade” e destacou a profunda vinculación de Galicia coa música e a súa tradición musical.
Ramos puxo en valor a capacidade da música para transcender o ámbito cultural e converterse nunha oportunidade de desenvolvemento económico, xeración de emprego e emprendemento. “Somos a terra das verbenas, dos festivais de referencia e dos concertos do Xacobeo. Somos tamén a terra do emprendemento musical, e iso permítenos poñer un pé na industria, na economía e na xeración de oportunidades”, sinalou.
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais aproveitou o encontro para poñer en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, desde a que se presta apoio a esta iniciativa co gallo de impulsar —segundo fixo fincapé— sectores emerxentes co foco posto na xente nova. Recordou que esta rede ofrece asesoramento gratuíto e personalizado en 15 puntos do territorio galego en calquera fase na que se atopen os proxectos, polo que animou á mocidade a achegarse para buscar garantías á hora de sacar adiante as súas empresas.
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude salientou as iniciativas do Goberno galego dirixidas a darlle “visibilidade e pulo profesional ao potencial e talento que posúe a xente moza”. Neste senso, apuntou a programas como Xuventude Crea, que conta cun premio na modalidade de Música e DJ, entre outras. Ao respecto, indicou que este certame chega este ano á súa décimo sétima edición “cun prestixio xa consolidado no eido cultural e artístico galego coa participación, ao longo destes anos, de 6.000 mozos e mozas con 4.000 obras e proxectos creativos”.
A industria musical galega, protagonista do encontro
O programa da xornada estrutúrase arredor de dous bloques temáticos: Galicia, unha industria musical con peso en España e Unha industria chamada música electrónica. Ambos os espazos permiten analizar a evolución do sector, a presenza dos profesionais galegos no mercado estatal e as posibilidades que ofrece a música como ámbito de creación de proxectos empresariais.
O encontro conta coa participación dos artistas DJ Nano e Ortiga, así como de profesionais vinculados á promoción, á comunicación e á xestión musical, entre eles David Nus, de The Bassmnt Madrid e Select Culture Agency; Adrián Olter, de Wololo Sound; José Patiño, de Wake Up!, Son & Mar e Orballo Cultural; e Javier Acuña, de Lingua Urbana.

A través das súas experiencias, os participantes comparten diferentes perspectivas sobre o funcionamento da industria, os seus retos e as oportunidades que ofrece para impulsar novas iniciativas profesionais e empresariais.
Unha iniciativa para abrir camiños profesionais na música
Organizado por Wake Up! co apoio da Xunta de Galicia, O Camiño do Emprendemento Musical nace coa vontade de achegar á mocidade as posibilidades laborais e empresariais vinculadas á industria musical e dos eventos.
A iniciativa combina encontros presenciais, intercambio de experiencias e acompañamento profesional para facilitar o coñecemento do sector e fomentar a creación de proxectos innovadores. O seu ámbito de actuación abrangue diferentes perfís profesionais, desde a creación artística ata a produción, a organización de eventos, a promoción e a xestión empresarial.
A xornada celebrada hoxe dá continuidade á presenza deste programa na Casa de Galicia, que xa foi escenario dunha sesión en decembro de 2025, consolidando así a institución como espazo de encontro e proxección do talento e das industrias culturais galegas na capital de España.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co impulso do emprendemento, a creación de oportunidades laborais para a mocidade e o fortalecemento dun sector que constitúe, ao mesmo tempo, unha parte esencial da identidade cultural galega e un ámbito con capacidade para xerar actividade económica, innovación e emprego.