A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou esta tarde en Santiago de Compostela no acto de clausura e entrega de diplomas do curso de goberno para consellos reitores de cooperativas agroalimentarias
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou esta tarde no acto de clausura e entrega de diplomas do curso de goberno para consellos reitores de cooperativas agroalimentarias. Alí puxo en valor a iniciativa impulsada desde o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) co obxectivo de fortalecer as capacidades de goberno, supervisión e toma de decisións estratéxicas dos consellos reitores das cooperativas agroalimentarias e, en consecuencia, avanzar na profesionalización e no fortalecemento do modelo cooperativo en Galicia.
Nesa liña, a directora xeral celebrou os máis de 30 membros de consellos reitores participantes, pertencentes a cooperativas das catro provincias galegas. Unhas cooperativas que, segundo salientou, representan un modelo económico en pleno auxe na comunidade, ao que é preciso dar pulo como alternativa para o emprendemento, especialmente en sectores estratéxicos.
Nese contexto, Vázquez Guzmán reafirmou a importancia de apostar pola economía social, con base no diálogo e na escoita activa co sector, e de actualizar a Lei de cooperativas, entre outros retos ao abeiro da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027.