A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou hoxe nunha xornada no marco do programa A Laracha Conecta, onde salientou a importancia de impulsar o emprendemento e o traballo autónomo para dinamizar as zonas rurais a través de recursos como a Rede de polos. Unha rede que, no caso da provincia coruñesa, conta con centros en Coristanco —o de referencia para a veciñanza da Laracha—, en Ferrol e en Melide, que ofrecen asesoramento gratuíto e personalizado en calquera fase na que se atopen as iniciativas emprendedoras.

A directora xeral destacou a transcendencia de favorecer o fortalecemento do ecosistema emprendedor e de facilitar ás persoas que deciden poñer en marcha un negocio todas as ferramentas e recursos necesarios ao longo do seu percorrido empresarial. Na mesma liña, incidiu na relevancia de coordinar os distintos axentes que traballan no territorio e de fomentar a colaboración público-privada con iniciativas como a rede Ultreia Galicia, que busca consolidar o emprendemento ligado ao territorio conectando os distintos referentes do ecosistema, institucións e axentes chave do emprendemento, centrando a súa atención en sectores estratéxicos.

Loading...