A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou nunha mesa redonda no marco do ‘IX Congreso Emprego 2026’ celebrado en Baracaldo
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe nunha mesa redonda sobre as políticas activas de emprego na era da IA, no marco do IX Congreso Emprego 2026 do País Vasco. No encontro celebrado na localidade biscaíña de Baracaldo, puxo en valor a experiencia do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) coa ferramenta de intelixencia artificial EMi, que xa ten dispoñible a súa aplicación móbil para posibilitar os autoperfilados competenciais e mellorar as oportunidades laborais da cidadanía.
Segundo explicou Lado, a app de EMi permite ademais consultar información sobre o mercado laboral do concello, comarca ou provincia de interese, acceder ás ofertas de emprego e cursos dispoñibles e utilizar un xerador de currículos baseado en IA. Tamén se referiu a outros recursos desenvolvidos a través da intelixencia artificial como o simulador de entrevistas que se atopa actualmente en fase piloto, concibido para que as persoas demandantes de emprego practiquen entrevistas nunha contorna segura e similar á dun proceso real.
En concreto, a directora xeral explicou que é un avatar quen formula as preguntas e facilita o adestramento de competencias como a comunicación, a argumentación da experiencia profesional ou a presentación do perfil profesional. Ao rematar a simulación, o sistema xera un informe coas fortalezas identificadas e os aspectos susceptibles de mellora, que logo son traballados coa orientadora ou o orientador laboral do SPEG.