A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe na gala dos XXI Premios Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora, que organiza AJE Vigo e zona sur da provincia de Pontevedra

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou esta tarde en Tui na gala dos XXI Premios Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora, que organiza AJE Vigo e zona sur da provincia de Pontevedra. Alí felicitou as persoas premiadas así como ao resto das candidatas a estes recoñecementos e destacou o importante labor desta entidade na defensa dos intereses da mocidade empresaria dentro do ecosistema emprendedor galego.

Neste acto —no que tamén participaron a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses— Pérez Iglesias subliñou a importancia da colaboración público-privada para seguir potenciando o emprendemento ligado ao territorio, no que a mocidade ten un papel clave. O obxectivo, engadiu, é impulsar novas oportunidades profesionais e reter talento para consolidar o tecido produtivo e a actividade económica.

Neste ámbito, puxo como exemplo a colaboración entre o Goberno Galego e AJE en materia de emprendemento, na que destaca o papel da Rede de polos de emprendemento autonómica que conta con 15 centros, tres deles na provincia de Pontevedra —Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa—. Tamén se referiu á rede de colaboración público-privada Ultreia Galicia, enfocada a xerar sinerxías no ecosistema emprendedor galego e da que forman parte, entre outras entidades, AJE Galicia e AJE Vigo e zona sur da provincia de Pontevedra.

Loading...