A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou hoxe no 4º Observatorio CEO sobre o capital humano, Capital humano autónomo: a forza que impulsa o territorio, organizado pola Confederación Empresarial de Ourense. Alí puxo de relevo a figura das persoas traballadoras autónomas, que co seu labor contribúen á dinamización socioeconómica do territorio desde diferentes áreas de actividade como o sector primario, o comercio ou os oficios artesanais e a artesanía, entre outros.
Neste contexto, salientou que Galicia conta con apoios a este colectivo, como a orde unificada con cinco programas dirixidos a todas as fases da súa actividade. A directora xeral tamén destacou o labor de asesoramento da Rede de polos de emprendemento da Xunta, que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia, catro delas na provincia de Ourense —Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín— e á que poden recorrer tanto as persoas que queren poñer en marcha a súa idea de negocio como as que buscan consolidar unha actividade.