A delegada da Xunta acompañou aos empresarios na súa cea anual de confraternidade, na que puxo en valor máis de tres décadas de traballo da asociación e o seu compromiso co emprendemento, a formación e a creación de oportunidades na comarca.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, , acompañou aos membros da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (AXOBER) na súa cea anual de confraternidade, un encontro que reuniu representantes do tecido empresarial da comarca e que serviu para recoñecer a traxectoria dunha entidade que leva máis de tres décadas traballando polo desenvolvemento económico de Bergantiños.

Durante a súa intervención, Belén do Campo puxo en valor o papel de AXOBER como punto de encontro e elemento de unión das empresas da comarca, así como a súa contribución á dinamización económica, ao apoio ao emprendemento e á creación de redes de colaboración entre os distintos sectores produtivos. Neste sentido, destacou que a asociación representa un exemplo de compromiso co territorio, de capacidade para impulsar iniciativas e de colaboración para afrontar os novos retos empresariais.

Belén do Campo destaca o papel de AXOBER como motor de dinamización económica e empresarial de Bergantiños e reafirma o compromiso da Xunta con Carballo

Fundada hai máis de 30 anos en Carballo por un grupo de empresarios da zona, AXOBER conta na actualidade con preto de 200 empresas asociadas. Ao longo destes anos promoveu proxectos e iniciativas de especial relevancia para a vida económica e social da comarca, entre os que figuran a creación do Centro Comercial Aberto de Carballo en 2002; a Festa do Pan, celebrada durante cinco edicións entre 1998 e 2002; o programa Carballo por etapas, orientado á dinamización económica e á promoción do territorio; e Berocasión, a feira de vehículos de ocasión que este ano alcanza a súa 21ª edición.

A delegada referiuse tamén ao labor da entidade no ámbito da formación e do emprego, con iniciativas como o programa Construíndo o Futuro, desenvolvido en 2025 e 2026, e o impulso á implantación en Carballo, en 2025, dun ciclo de FP Básica Dual Intensiva de Cociña e Restauración, en colaboración COa Consellería de Educación, vinculado ao IES Monte Neme e desenvolvido nas instalacións do Fórum Carballo.

Esta iniciativa, subliñou, é un bo exemplo de como a colaboración entre administracións e tecido empresarial permite adaptar a formación ás necesidades reais das empresas, facilitar a cualificación profesional e abrir novas oportunidades laborais, especialmente nun sector tan importante para a economía local como é o da hostalaría.

Belén do Campo destacou igualmente a capacidade de AXOBER para ampliar as súas redes de cooperación, coa súa integración na Confederación de Empresarios da Coruña e na Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte, reforzando así a representación empresarial e a colaboración entre os sectores económico e turístico.

Neste contexto, lembrou tamén a colaboración da Xunta coa asociación en materia de emprego, a través do protocolo de adhesión asinado en febreiro de 2023 entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e AXOBER para facilitar a difusión das ofertas laborais das empresas asociadas mediante o Servizo Público de Emprego de Galicia. Unha ferramenta destinada a mellorar a conexión entre as necesidades de contratación das empresas e as persoas demandantes de emprego.

Aposta da Xunta por Carballo

Na súa intervención, a delegada puxo tamén o foco no compromiso da Xunta co desenvolvemento de Carballo, reflectido nos Orzamentos autonómicos para 2027, que recollen investimentos estratéxicos en infraestruturas, vivenda e sanidade que terán unha incidencia directa na economía e no sector empresarial da comarca.

Belén do Campo destaca o papel de AXOBER como motor de dinamización económica e empresarial de Bergantiños e reafirma o compromiso da Xunta con Carballo

Entre as principais partidas destacou os 3 millóns de euros previstos para avanzar na variante de Carballo, unha infraestrutura fundamental para mellorar a mobilidade, facilitar a conexión do polígono industrial coas principais vías de comunicación e reducir o tráfico de paso polo núcleo urbano.

A esta actuación súmanse os 4,63 millóns de euros destinados á ampliación do polígono industrial de Bértoa, unha aposta polo fortalecemento do tecido empresarial, a creación de emprego e a capacidade de Carballo para atraer novos proxectos económicos.

No ámbito residencial, a Xunta impulsa a construción de 79 vivendas de promoción pública en Carballo, cun investimento de 12,5 millóns de euros, co obxectivo de ampliar a oferta residencial e facilitar o acceso a un fogar, especialmente ás persoas e familias que atopan maiores dificultades no mercado da vivenda.

Belén do Campo concluíu trasladando os seus parabéns a AXOBER polo traballo realizado ao longo destes anos e animou á asociación a continuar impulsando proxectos, creando oportunidades e fortalecendo a cooperación empresarial. Así mesmo, reafirmou a disposición da Xunta a seguir colaborando co tecido produtivo de Bergantiños, convencida de que apoiar as empresas, o emprendemento e a formación é tamén investir no futuro, no emprego e no desenvolvemento da comarca.

Loading...