A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, respondeu hoxe na comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, unha pregunta relacionada coa iniciativa ‘Benseguro’, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, subliñou hoxe na comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, a importancia de reforzar a prevención de riscos laborais no sector da construción. Nese contexto, referiuse á iniciativa Benseguro, desenvolvida da man da Fundación Laboral da Construción.
Na súa intervención, en resposta a unha pregunta sobre o tema, a secretaria xeral sinalou a importancia de prestar especial atención ás obras menores, ás pequenas intervencións de mantemento, de reparación ou de rehabilitación e, principalmente, a aquelas actuacións que non precisan dun proxecto técnico. Nese senso, agradeceu o labor do equipo técnico especializado que se despraza ás obras, identificando posibles deficiencias en materia de seguridade e saúde laboral e ofrecendo asesoramento preventivo, así como solucións adaptadas a cada caso.
Pérez Iglesias avogou polo contacto directo coas empresas e cos profesionais co gallo de seguir achegando solucións prácticas como unha parte esencial da propia organización do traballo. Nesa liña, fixo fincapé na necesidade de mellorar o coñecemento da realidade preventiva no sector da construción, poñendo o foco en cuestións como os equipos de protección individual, o emprego dos medios auxiliares, os equipos de traballo e a prevención dos riscos asociados aos traballos en altura. Por último, considerou clave reforzar a sensibilización e a implicación de toda a sociedade co fin de que —ao contratar unha obra— esixan que se cumpran todas as garantías de seguridade.