O titular do departamento educativo do Goberno galego sinala a utilidade destas iniciativas para fomentar o espírito emprendedor e achegar ao alumnado a realidade das empresas ás aulas
As iniciativas galardoadas inclúen proxectos para fomentar a inclusión, promover a reciclaxe ou facer un uso positivo da intelixencia artificial
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, entregou hoxe os premios dos certames Atrévete a ter unha idea e Eduemprende Idea, cos que a Xunta recoñece as ideas de negocio de alumnos de 15 centros de toda Galicia. No acto, no que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán; o titular do departamento educativo da Xunta destacou a creatividade da mocidade e puxo en valor a utilidade destas iniciativas para fomentar o espírito emprendedor e achegar ao alumnado a realidade das empresas.
De feito, os participantes de Atrévete a ter unha idea, alumnado de Primaria e Secundaria, visitan centros de FP, asociacións empresariais e empresas para obter información antes de artellar a súa propia idea de negocio, coa que participan no concurso. No caso dos estudantes de FP gañadores de Eduemprende Idea poderán incorporarse agora a un viveiro de empresa dun centro educativo e recibir asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego para poñer en marcha a súa proposta.
O conselleiro quixo, así mesmo, felicitar tanto aos alumnos gañadores como aos seus profesores, salientando que detrás de cada iniciativa exitosa sempre está o apoio e a implicación dos docentes. Os certames son froito da colaboración entre as consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e de Emprego, Comercio e Emigración, ao abeiro do Plan Eduemprende, que ten como obxectivo promover a cultura do emprendemento nas aulas, proporcionando ferramentas que permitan avanzar neste sentido.
Cultura do emprendemento desde a nenez
O certame Atrévete a ter unha idea promove a cultura emprendedora desde as idades máis temperás, con catro modalidades de participación (individual e grupal tanto para Primaria como para Secundaria) nas que alumnos participantes tiveron que desenvolver e describir a súa propia idea de negocio innovadora nun formato audiovisual. Os proxectos premiados na modalidade individual de Primaria son uns Pendentes de oír que substitúen aos audiófonos con opción para escoitar música; O Busca caries, un sensor colocado no cepillo de dentes co fin de detectar este dano (ambos do Colexio Plurilingüe Pintor Laxeiro, Vigo); así como un Recuperador de enerxía (Colexio Saco e Arce, Toén) a base dunha dínamo nas rodas das bicicletas eléctricas para recargar a súa batería.
Na categoría grupal de Primaria as ideas galardoadas son o laboratorio Eco-inventores (CPR Plurilingüe Ponte Pasaxe, Culleredo), baseado en competencias como a reciclaxe, a innovación ou o traballo en equipo; Moble accesible (Colexio Saco e Arce, Toén), con andeis que se estenden ao alto cunha batería eléctrica para evitar subir a unha escada, e Camiseta axustable (Colexio Dr. Fleming, Vigo), cun dispositivo para poder mudar a talla e que se poida reutilizar.
O alumnado premiado na modalidade individual de Secundaria propón ideas como Aura (CPR Plurilingüe Santo Ángel, Ourense), uns auriculares para persoas con TEA que filtran o exceso de ruído; Turbinas promarisco (Instituto Xoán Montes, Lugo) no fondo do mar para corrixir a salinidade e coidar da vida do marisco, e Debuxo fácil (Instituto Plurilingüe Castro da Uz, As Pontes de García Rodríguez), un lapis de acibeche que se pode borrar sen deixar marca.
Finalmente, na modalidade grupal de Secundaria os galardóns son para BioCaps (Instituto da Terra Chá, Xosé Trapero Pardo, Castro de Rei), unhas cápsulas que rodean a semente para protexela e que aumente a xerminación da planta; Cunca personalizada (CPR Plurilingüe Luis Vives, Ourense), feita con materiais de refugallo que permite separar os ósos das olivas, e Camiño conecta (Instituto do Camiño, Palas de Rei), unha aplicación que conecta persoas que fan o Camiño Francés para compartir experiencias e gastos.
Nesta edición premiouse a 81 alumnos de 10 centros de Primaria e Secundaria que reciben un dispositivo dixital ou unha experiencia multiaventura, segundo o premio sexa individual ou grupal, respectivamente.
Continuidade en viveiros de empresa
O concurso Eduemprende Idea diríxese ao alumnado de ciclos de grao medio e superior de FP, que debe presentar ideas de negocio orixinais que poidan dar lugar ao desenvolvemento de novas empresas, promovendo deste xeito a cultura emprendedora entre o alumnado.
A proposta galardoada co primeiro premio é, na modalidade de ciclos de grao superior Plasticrab (Instituto A Sardiñeira, A Coruña), de deseño e fabricación de envases biodegradables a través da revalorización de residuos, poñendo en valor a economía circular aplicada ao envasado sostible. Na de ciclo medio é Hygrorock (Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago), un proxecto de fabricación de pedras que reaccionan ante a humidade, cambiando de cor, ofrecendo información visual que serve de soporte a actividades agrarias, invernadoiros e industria de plantas ornamentais.
O segundo posto na modalidade de ciclos de grao superior é para ProteNord, que ofrece a produción de substitutivo proteico para a alimentación de gando porcino e avícola de xeito económico e sostible (Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago); mentres que na de grao medio o segundo premio é para Jerky Beef Bites (Centro Integrado de FP Paseo das Pontes, A Coruña), proxecto de elaboración e comercialización de snacks proteicos de carne deshidratada .
O terceiro premio na categoría de ciclos de grao superior recae en Corte Creativo (Centro Integrado de FP As Mercedes, Lugo), un modelo innovador en deseño e fabricación dixital de produtos personalizados mediante tecnoloxía de corte e gravado láser orientado ao mercado de souvenirs con identidade local. Na modalidade de ciclos de grao medio galardóase MarIA (Instituto Indalecio Pérez Tizón,Tui), un proxecto de intelixencia artificial dirixida ao sector pesqueiro orientada a dinamizar, automatizar e modernizar as súas tarefas máis repetitivas e obsoletas.
As ideas gañadoras reciben entre todas un total de 12.000 € e poderán incorporarse á Rede de viveiros de empresa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e recibir asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.