A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe nunha mesa redonda no marco do III Congreso nacional de remuda xeracional e desenvolvemento rural organizado por UPTA

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe en Logroño nunha mesa redonda no marco do III Congreso nacional de remuda xeracional e desenvolvemento rural organizado pola Unión de Profesionais  e Traballadores Autónomos (UPTA). Alí salientou a importancia da colaboración público-privada para favorecer a remuda xeracional nos negocios e garantir a súa continuidade, unha cuestión, engadiu, que require medidas integrais, coordinadas e eficaces.

Neste contexto, puxo de relevo o labor de entidades como UPTA e lembrou que Galicia conta con medidas enfocadas a ese fin. Por exemplo, o Bono Remuda, do que hai uns días o Diario Oficial de Galicia publicou unha ampliación orzamentaria da convocatoria deste ano co fin de cubrir todas as solicitudes recibidas que cumpren os requisitos.

Este é un dos cinco programas da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas e conta con apoios para quen colle o testemuño así como para quen traspasa por xubilación que van en función de se o concello no que está situado o negocio é de máis ou menos de 10.000 habitantes. 

A secretaria xeral tamén destacou o labor da Rede de polos de emprendemento da Xunta, que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia e dispón dun escaparate para dar visibilidade a negocios en busca de traspaso.

Ademais, puxo en valor o papel do tecido autónomo galego na dinamización socioeconómica do territorio. Un colectivo que na comunidade galega representa preto do 19 % das afiliacións, máis de tres puntos por riba da media estatal, sendo a segunda comunidade autónoma con maior peso do colectivo en relación co total das afiliacións.

A Xunta defende en Logroño a colaboración público-privada para favorecer a remuda xeracional nos negocios e garantir a súa continuidade

Loading...