A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou esta semana na Coruña dúas empresas participantes no programa Responsabilízate, que ofrece acompañamento personalizado e gratuíto para avanzar na sustentabilidade empresarial. En concreto, estivo en Cofrico, especializada no deseño, instalación, mantemento e optimización de sistemas de refrixeración e climatización; e en Coruña de etiquetas (Coreti), dedicada ao deseño e fabricación de etiquetas autoadhesivas para distintos sectores.
A secretaria xeral aproveitou a visita para recordar que a edición deste ano de Responsabilízate incorpora novas posibilidades de apoio, entre elas un servizo específico centrado no benestar organizacional. Esta prestación permitirá a 45 pemes coñecer o seu punto de partida en ámbitos que inciden no benestar das persoas no traballo —material, físico, mental e emocional— e deseñar actuacións adaptadas ás súas necesidades, tendo en conta o tamaño e o sector de cada empresa.
