Tras a edición pasada en Colombia, José González salienta que a cita volva a Galicia como cada ano par co fin de situarse como referente para a formación especializada e o intercambio de experiencias entre profesionais do termalismo de máis de 20 países

Pon este sector como exemplo de actividade ligada ao territorio que contribúe a dinamizar a economía e a fixar poboación, situando tanto a Comunidade galega como a provincia e a cidade de Ourense como auténticas potencias termais

Destacando o labor da Xunta a prol da consolidación do turismo termal, pon de relevo tamén a aposta autonómica por recintos feirais como Expourense, que reafirma a súa capacidade de atracción de eventos, xornadas, formacións ou competicións deportivas

O director de Turismo de Galicia salientou que, en 2025, o turismo termal captou 232.000 visitantes que fixeron un gasto de case 75 millóns de euros

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración da 24ª Feira internacional de turismo termal, saúde e benestar, Termatalia 2026, onde destacou a cita como un espazo clave para a formación especializada e o intercambio de experiencias entre profesionais de máis de 20 países. Dando comezo tamén ao 7º Congreso sobre auga e saúde, celebrou que entre hoxe e mañá se vaia ofrecer en Expourense unha visión global do sector para potencialo a nivel internacional, botando man da colaboración público-privada para —no caso de Galicia— dar pulo á súa capacidade de dinamizar o rural, xerar emprego e fixar poboación.

Acompañado no acto polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, o conselleiro lembrou que a nosa Comunidade é o principal destino termal de España e que a provincia e a cidade de Ourense se sitúan como auténticas referencias neste eido. Nesa liña, salientou o labor da Xunta de Galicia a prol da consolidación do sector como motor económico e ferramenta de desestacionalización do turismo, con accións como o apoio a experiencias turísticas termais, plans de turismo termal, o fomento de eventos promocionais como a propia Termatalia ou a colaboración na recuperación de balnearios.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia salientou o liderado da Comunidade como “a primeira potencia termal de España e o segundo destino europeo con maiores reservas de augas mineromedicinais”, poñendo en valor un sector clave que conta con máis de 20 balnearios e que representa o 20 % da oferta nacional. Xosé Merelles subliñou que estes recursos son un activo patrimonial, natural e cultural fundamental para a promoción de Galicia e, especialmente, da provincia de Ourense.

Nese senso, o director lembrou o compromiso estratéxico da Xunta co sector a través do Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 e puxo como exemplo de aliñamento internacional a celebración da 24ª edición de Termatalia. Segundo indicou, esta cita é unha peza clave para “afianzar as bases dunha oferta sostible, rendible e innovadora” e captar operadores nun segmento que, en 2025, demostrou a súa gran capacidade económica ao xerar en Galicia 232.000 turistas e 74,6 M€ de gasto.

Eido laboral

Referíndose ao campo laboral, o conselleiro de Emprego constatou o termalismo como unha actividade pegada ao territorio que combina tradición e modernidade e é capaz de xerar novas oportunidades e sinerxías ao seu redor. Para favorecer esas oportunidades, sinalou que desde o Goberno galego se avoga polo contacto constante con todos os axentes implicados co gallo de promover o emprendemento e de que Galicia progrese apoiada nun mercado laboral dinámico e inclusivo.

Tamén se referiu expresamente ao benestar laboral, con accións da Xunta específicas orientadas a sectores como o do termalismo pero tamén con outras transversais como o futuro Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029.

Expourense

Na súa intervención, o titular de Emprego e presidente do Padroado da Fundación Expourense celebrou que —como cada ano par— Termatalia regrese a Ourense, tomando o testemuño da pasada edición en Colombia e á espera de que na feira que agora arranca se decida o país anfitrión do ano que vén. Apuntou que a cita vén confirmar o atractivo do recinto feiral de Expourense, que en 2025 superou as 111.000 visitas consolidándose como referente pola súa capacidade de atracción a través dos eventos, xornadas, formacións e competicións deportivas que acolle.

Loading...