A representante do Goberno autonómico informou que este taller formativo permitirá obter un certificado de profesionalidade en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, participou na inauguración do obradoiro de emprego Renova Verde organizado por Ames e Brión, unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 19 persoas desempregadas na especialidade de: montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. O programa conta cun investimento autonómico de preto de 500.000 euros dos cales 38.000 son para 8 incentivos que consisten en 3.000 euros para as empresas por persoa contratada e outros 1.500 para o concello por cada inserción alcanzada.
Durante a inauguración do obradoiro, a delegada da Xunta destacou que este programa constitúe “unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade dos participantes, adquirir experiencia profesional e obter unha cualificación que facilite a súa incorporación ao mercado laboral”.
Obradoiro Ames- Brión
No obradoiro Renova Verdes ao longo dos próximos nove meses, os alumnos-traballadores desenvolverán un total de 24 actuacións entre elas actuarase en diversas instalacións fotovoltaicas, tanto de nova execución como de mantemento e conservación. En Ames está prevista a instalación de paneis fotovoltaicos na Casa da Cultura de Bertamiráns e no Centro de Formación e Emprego de Aldeanova, así como o mantemento de instalacións existentes no campo de fútbol de Bertamiráns, no campo de fútbol do Milladoiro, nas piscinas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro, nas escolas infantís da Madalena e O Bosque, e nas instalacións de tratamento de auga e depuración de Ames.
No caso de Brión, os traballos incluirán o mantemento de instalacións fotovoltaicas en diferentes equipamentos municipais, entre eles o campo de fútbol, o pavillón polideportivo, a Escola Infantil, o Centro Social Polivalente, o espazo colaborativo Transformando, a pérgola fotovoltaica da biblioteca e a Escola de Música.
O programa tamén contempla importantes actuacións ambientais e de mellora de espazos públicos. Así, en Brión levarase a cabo a instalación e mellora das zonas verdes e das rotondas do concello, mentres que en Bertamiráns se actuará na recuperación ambiental do bosque en galería e en obras de xardinería no parque do Ameneiral.
En O Milladoiro, o obradoiro inclúe ademais a instalación dun xardín climático na Madalena e o mantemento dos xardíns da rúa Anxeriz, actuacións orientadas á mellora ambiental e paisaxística dos espazos urbanos.
A delegada territorial salientou que o proxecto permitirá traballar en ámbitos especialmente vinculados cos novos modelos de sustentabilidade e eficiencia enerxética, ao incorporar tanto a instalación como o mantemento de sistemas de produción de enerxía renovable.
Estas actuacións permitirán complementar a formación teórica do alumnado cunha experiencia práctica de calidade, ao tempo que contribúen á mellora de infraestruturas e servizos de utilidade pública nos municipios participantes.
A delegada sinalou que este programa representa un exemplo de como a formación pode ir da man da mellora do territorio, xa que os participantes contribúen coa súa actividade á conservación e acondicionamento de espazos públicos de gran utilidade para a veciñanza.
Obradoiros 26-27
A representante autonómica puxo en valor a aposta do Goberno galego polos obradoiros de emprego, unha liña de actuación que permitirá este ano desenvolver preto dun cento de programas en toda Galicia, cun investimento de 48,1 millóns de euros para formar a arredor de 2.000 persoas sen emprego.
Na provincia da Coruña están aprobados 27 obradoiros de emprego, cun investimento superior aos 13 millóns de euros e dos que se benefician preto de 540 alumnos e alumnas.
Na comarca de Santiago hai 3 obradoiros concedidos, ademais de Ames Brión, contan tamén con estes talleres de formación Rois e Teo e Santiago cun investimento total de máis de 1,5 millóns de euros.
Neste senso a delegada puxo o acento nas vantaxes da formación dual, un modelo que ofrece aos alumnos-traballadores a posibilidade de formarse mentres desenvolven unha actividade remunerada e obteñen unha certificación profesional recoñecida en todo o Estado. Tamén resaltou que o número reducido de participantes favorece un seguimento máis próximo e unha aprendizaxe adaptada ás necesidades de cada persoa.
A representante autonómica agradeceu a colaboración do alumnado, do equipo docente e dos concellos implicados, cuxo traballo coordinado resulta fundamental para impulsar actuacións que respondan ás demandas específicas de cada municipio. Así mesmo, lembrou que os concellos teñen un papel esencial na identificación das necesidades do territorio e na planificación de proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía.
Para rematar, animou aos participantes a afrontar esta etapa con dedicación e entusiasmo, aproveitando todos os recursos que lles ofrece o programa. Segundo indicou, este tipo de iniciativas constitúen unha ferramenta clave para mellorar as posibilidades de acceso ao emprego e abrir novas perspectivas de futuro profesional.