O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou aos participantes no obradoiro, que imparte especialidades relacionadas coa carpintería e o sector forestal

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 506.000 euros a financiar o obradoiro dual de emprego Terras do Sor VIII, promovido polo Concello do Vicedo asociado cos de Muras e Ourol.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe ao alumnado participante no taller, que comezou no mes de xuño e prolongarase ata febreiro do próximo ano.

En total hai 20 prazas e impártense tres especialidades. Dúas están relacionadas cos traballos de carpintería e moble e a outra céntrase nas tarefas de conservación e mellora de montes.

Villares destacou que as persoas desempregadas melloran os seus perfís profesionais tras participar nos obradoiros, onde reciben formación teórica e práctica en sectores con alta demanda de persoal.

Tamén puxo en valor as obras de interese público que realizan nos concellos nos que se desenvolven. Así, no Vicedo céntranse en acondicionar diferentes rutas de sendeirismo; ademais de fabricar mobiliario de madeira de uso municipal– cadeiras pregables, bancos, papeleiras para instalar en zonas verdes e un soportal para o centro social do Folgueiro -, entre outras accións.

No que respecta a Muras e Ourol, as actividades consistirán na fabricación de mobiliario de madeira. Entre outros, confeccionarán cadeiras pregables para os centros sociais de varias parroquias, varandas, bancos, cubre-contedores ou diverso mobiliario para o interior de dependencias municipais.

Loading...