Esta iniciativa formará a un total de 20 persoas desempregadas nas especialidades de instalación de elementos de carpintería e pavimentos e albanelería

A Xunta inviste máis de 454.000 euros neste obradoiro dual de emprego

Na provincia de Pontevedra foron aprobados este ano 24 destes obradoiros o que supón un investimento total de preto de 11 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as persoas participantes no obradoiro dual de emprego ‘FORME 2026’, promovido polo Concello de Vilagarcía de Arousa e que contará cun investimento da Xunta de Galicia de 454.552 euros.

O obradoiro conta cunha duración de nove meses e permitirá que un total de 20 persoas desempregadas adquiran formación teórica e práctica remunerada nas especialidades de instalación de elementos de carpintería e pavimentos e albanelería, obtendo ao remate unha cualificación profesional que mellore as súas oportunidades de inserción laboral.

Durante a súa intervención, Pablo Fernández destacou a aposta da Xunta polo modelo de formación dual, que permite ás persoas desempregadas combinar a aprendizaxe cun traballo efectivo en beneficio da comunidade. “Na Xunta temos claro que a mellor política social que podemos levar a cabo é a política de emprego, polo que estamos convencidos de que o gran investimento que se leva a cabo nestes obradoiros terá un impacto moi positivo, non só nos seus participantes, senón no conxunto da sociedade”, sinalou.

O delegado territorial destacou que na provincia de Pontevedra concedéronse este ano un total de 24 destes obradoiros, que permitirán formar a máis de 450 persoas desempregadas, grazas a un investimento da Xunta de case 11 millóns de euros.

Loading...