A campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ‘Traballo e calor’ apela a manter unha boa hidratación, facer descansos, alimentarse de forma lixeira e aclimatarse adecuadamente cando se traballa baixo calor extrema
O Goberno galego pon a disposición do tecido produtivo un servizo de asesoramento técnico, co gallo de resolver dúbidas sobre a xestión do traballo nestas condicións climáticas e axudar a crear contornas laborais saudables
A maiores, o Issga súmase á campaña estatal sobre fenómenos meteorolóxicos adversos, animando ao tecido empresarial galego a implicarse na difusión de mensaxes preventivas para protexer a saúde laboral
A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), ten en marcha a campaña Traballo e calor, co obxectivo de sensibilizar a persoas empregadoras e empregadas sobre os riscos derivados da actividade laboral con temperaturas elevadas. Dentro deses riscos, apélase a previr especialmente o estrés térmico, ocasionado cando o organismo perde a súa capacidade para autorregular a temperatura por unha mestura das condicións do clima, o esforzo físico requirido e a propia resposta biolóxica do corpo. Este risco aumenta cando as tarefas se levan a cabo á intemperie, cando é obrigatorio o uso de equipos de protección individual (EPI) ou tras exposicións prolongadas ao sol.
A modo de prevención, o Issga aconsella adoptar unha serie de medidas, como facer pausas periódicas para recuperar forzas, avisar de inmediato se se comezan a notar síntomas de afogo ou exceso de calor e beber auga decote, mesmo sen sensación de sede. Tamén insta a evitar inxerir comidas copiosas, así como o consumo de café e bebidas alcohólicas durante a xornada, así como a utilizar roupa transpirable, lixeira e de tecidos naturais, ademais de protexer a cabeza con sombreiros ou gorras fronte ao sol directo.
A campaña fai fincapé na responsabilidade compartida, animando ás persoas traballadoras a comunicar calquera síntoma de estrés térmico, mentres que as empresas teñen a obriga de implantar as medidas precisas para protexer o seu cadro de persoal. Para facilitar este labor, o Issga pon a disposición do tecido produtivo un servizo de asesoramento técnico, encargado de resolver dúbidas sobre a xestión do traballo nestas condicións climáticas e de axudar a crear contornas laborais saudables.
Coordinación coa estratexia nacional
A maiores da súa propia iniciativa, o Issga apoia e participa na campaña do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo centrada nos riscos derivados dos fenómenos meteorolóxicos adversos. A través do espazo web do INSST, ofrécense instrucións e guías de actuación para facer fronte a diversas situacións extremas (vagas de calor, radiación ultravioleta, neve, xeo ou refachos de vento fortes). Ademais, convídase ás organizacións de Galicia a aproveitar e difundir estes materiais informativos, permitíndolles mesmo engadir o seu propio logotipo corporativo. Deste xeito, búscase unha maior integración das empresas na difusión de medidas que coiden da seguridade e saúde laboral ante fenómenos meteorolóxicos adversos.