A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá no peche da primeira parte do programa de dinamización e acompañamento profesional Artesás
Despois dunha formación práctica e de creación de rede durante este mes de xuño, seleccionáronse 12 profesionais de Artesanía de Galicia para participar nunha fase centrada no asesoramento individualizado
O obxectivo da iniciativa é fortalecer o sector artesán galego desde unha perspectiva profesional, colaborativa e territorial, favorecendo a consolidación de proxectos sustentables e a creación de redes de apoio entre mulleres artesás do rural galego
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na xornada de peche da primeira fase do programa Artesás, dirixido a reforzar a profesionalización das mulleres artesás que traballan no rural galego. Esta primeira fase consistiu nunha formación práctica e de creación de rede, a través de dúas xornadas presenciais e de cinco sesións telemáticas nas que se trataron temas relacionados co emprendemento, a xestión económica, a fixación de prezos, a marca persoal, a proposta de valor, o uso profesional das redes sociais e a colaboración entre proxectos.
Na xornada desta mañá —á que tamén asistiron a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a directora xerente da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo (Fungatra), Rosanna López Salgueiro—, seleccionáronse 12 mulleres inscritas en Artesanía de Galicia que participarán na segunda fase enfocada no asesoramento individualizado. Así, nos próximos meses, faráselles un seguimento personalizado ás participantes no que se incluirá unha análise e diagnóstico da situación, unha entrevista individual, unha visita ao local de traballo, unha determinación dos obxectivos que cómpre mellorar e unha asignación dun mentor ou mentora acorde á área de traballo na que se busca incidir.
Esta segunda fase iniciarase cun encontro presencial no mes de setembro, tras o que se abrirá o tempo de asesoramento individualizado que rematará a finais de outubro. O programa Artesás pecharase no mes de novembro cun encontro presencial no que se presentarán os obxectivos alcanzados.
Con esta iniciativa, a Xunta busca fortalecer o sector artesán galego desde unha perspectiva profesional, colaborativa e territorial, favorecendo a consolidación de proxectos sustentables e a creación de redes de apoio entre mulleres artesás do medio rural. Entre os obxectivos xerais atópanse impulsar a figura da muller no sector da artesanía rural galega, poñer en valor a figura da muller artesá como vínculo coa tradición cultural e profesional no rural galego, ofrecer unha visión profesional do negocio da artesanía a través dunha formación dinámica e participativa e promover a colaboración entre as participantes.