A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a empresa Artemisa, beneficiaria da pasada convocatoria destas axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
O Goberno galego apoia con estas achegas a empregabilidade das persoas mozas mediante contratos formativos a tempo completo de doce meses de duración
Esta edición do programa de primeira experiencia profesional inclúe como novidade unha nova liña de axudas para a formación de aprendices en oficios tradicionais, dotada con 1 M€
A Xunta de Galicia ten aberto ata o 30 de setembro o prazo para solicitar as axudas do programa primeira experiencia profesional. Esta edición, ademais da liña de preto de 7,8 M€ para incentivar a contratación de menores de 30 anos, inclúe como novidade unha liña para a formación de aprendices en oficios artesanais dotada de 1 M€, o que suma un orzamento total de máis de 8,7 M€. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración durante a visita á empresa Artemisa, beneficiaria da convocatoria anterior grazas á que contratou a unha traballadora cunha achega de 13.300 euros.
Tal e como explicou a representante autonómica, trátase dun programa co que se impulsa preferentemente a empregabilidade das persoas menores de 30 anos, podendo beneficiarse tamén as maiores desa idade no caso dos apoios que se estrean ao sector artesanal.
No caso da liña de primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos, apóiase a empregabilidade da xuventude mediante contratos formativos a tempo completo de doce meses de duración, co obxectivo de dotar ós mozos e mozas de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade, atendendo ás demandas do tecido empresarial e, ó mesmo tempo, contribuír a reter o seu talento en Galicia.
“O Goberno galego busca facilitar a inserción da mocidade no mundo laboral, cubrindo os custo salariais destes postos formativos con contías que van dos 9.975 euros aos 16.625 euros”, explicou Aneiros, que aproveitou para sinalar que este é un programa mixto que, ademais de impulsar a contratación de mozas e mozos a tempo completo con apoios económicos, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral.
Así, co propósito de atender as necesidades específicas de emprego no tramo de idade de menores de 30 anos, o programa artellouse en dúas liñas concretas de axuda: a primeira, para contratar mozas e mozos con titulación ou certificación profesional; e a segunda, para brindar unha oportunidade tamén a quen careza de cualificación profesional recoñecida.
A delegada recordou que na última convocatoria seis empresas de Ferrolterra beneficiáronse destas axudas, recibindo un total de máis de 126.300 euros e realizando 9 contratos en conxunto.