Esta iniciativa formará a un total de 20 persoas desempregadas nas especialidades de servizos de bar e cafetería e servizos de restaurante

A Xunta inviste máis de 454.000 euros neste obradoiro dual de emprego

Na provincia de Pontevedra foron aprobados 24 destes obradoiros o que supón un investimento total de preto de 11 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou esta mañá na presentación do Obradoiro Dual de Emprego Mar de Santiago V, promovido polo concello de Vilanova de Arousa e que contará cun investimento da Xunta de Galicia de 454.552 euros.

No acto estiveron presentes o alcalde Gonzalo Durán e o tenente de alcalde Javier Tourís, ademais do persoal docente e do alumnado participante neste programa mixto de emprego e formación.

O obradoiro conta cunha duración de nove meses e permitirá que un total de 20 persoas desempregadas adquiran formación teórica e práctica remunerada nas especialidades de servizos de bar e cafetería e servizos de restaurante, obtendo ao remate unha cualificación profesional que mellore as súas oportunidades de inserción laboral.

Durante a súa intervención, Pablo Fernández destacou a aposta da Xunta polo modelo de formación dual, que permite ás persoas desempregadas combinar a aprendizaxe cun traballo efectivo en beneficio da comunidade. “Esta é unha oportunidade para aprender de forma práctica á vez que prestades un servizo aos vosos veciños”, sinalou.

O delegado territorial destacou que na provincia de Pontevedra concedéronse un total de 24 destes obradoiros, que permitirán formar a máis de 450 persoas desempregadas, grazas a un investimento da Xunta de case 11 millóns de euros.

Loading...