Esta iniciativa formará a un total de 20 persoas desempregadas nas especialidades de forestal e carpintería
A Xunta inviste máis de 454.000 euros neste obradoiro dual de emprego
Na provincia de Pontevedra foron aprobados 24 destes obradoiros o que supón un investimento total de preto de 11 millóns de euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou esta mañá na presentación do II Obradoiro Dual de Emprego Ulla-Umia, promovido polos concellos de Moraña, Portas e Valga, e que contará cun investimento da Xunta de Galicia de 454.552 euros.
No acto estiveron presentes os alcaldes de Moraña, Sito Gómez; de Portas, Ricardo Martínez; e de Valga, José María Bello, ademais do persoal docente e do alumnado participante neste programa mixto de emprego e formación.
O obradoiro conta cunha duración de nove meses e permitirá que un total de 20 alumnos adquiran formación teórica e práctica remunerada nas especialidades de carpintería e forestal, obtendo ao remate unha cualificación profesional que mellore as súas oportunidades de inserción laboral.
Durante a súa intervención, Pablo Fernández destacou a aposta da Xunta polo modelo de formación dual, que permite ás persoas desempregadas combinar a aprendizaxe cun traballo efectivo en beneficio da comunidade. “Estes programas representan unha das ferramentas máis eficaces para mellorar a empregabilidade, xa que ofrecen experiencia profesional, formación acreditada e unha oportunidade laboral durante o propio proceso formativo”, sinalou.
Os traballos prácticos previstos permitirán executar actuacións de interese público nos tres concellos participantes. Na especialidade de carpintería levaranse a cabo labores de conservación e execución de elementos de madeira en parques, reparación de pavimentos, creación de mobiliario urbano como papeleiras e cubrecolectores, así como a reposición de valados. Pola súa banda, na área forestal realizaranse tarefas de limpeza, mantemento e poda en sendas, ademais da recuperación e acondicionamento de antigas rutas.
O delegado territorial destacou que na provincia de Pontevedra concedéronse un total de 24 destes obradoiros, que permitirán formar a máis de 450 persoas desempregadas, grazas a un investimento da Xunta de case 11 millóns de euros.