Trátase dunha iniciativa promovida polos concellos de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón e financiada cunha axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de máis de 454.000 euros

Como novidade deste ano, o itinerario formativo contará coa especialidade de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada de representantes dos concellos de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón, deu hoxe a benvida aos 20 alumnos que inician o obradoiro dual de emprego Terras do Ortegal III. Alí puxo en valor este programa de formación e emprego que resultou beneficiario dunha axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de máis de 454.000 euros, case 42.500 euros máis que na pasada edición.

A formación, que terá unha duración de 9 meses, impartirase na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e, como novidade deste ano, tamén se impartirá na de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Cada unha destas especialidades conta con 10 alumnos.

A delegada territorial destacou que iniciativas coma esta “reforzan a colaboración entre o Goberno galego e os concellos en prol dun obxectivo común como é impulsar o emprego”. Así, lembrou que, ademais de formarse e realizar un traballo de interese público, os alumnos obterán un certificado de profesionalidade e a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito por un mínimo de tres meses, unha vez completen a formación.

Aneiros puxo en valor ademais a comuñón do itinerario formativo coas demandas do mercado laboral e animou aos participantes a sacar o maior rédito do mesmo.

Os obradoiros duais de emprego como o Terras do Ortegal III poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes.

Loading...