A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou hoxe en Pontevedra na presentación da terceira edición do programa Alento, promovido pola Xunta en colaboración co Clúster da Comunicación de Galicia co gallo de fortalecer o ecosistema emprendedor facilitándolle o acceso gratuíto a servizos profesionais de márketing e de comunicación. Na xornada Problemas reais. Solucións reais fíxose fincapé en que queda de prazo ata este mércores 17 de xuño para inscribirse en Alento. Nesta nova edición terán especial consideración os proxectos que destaquen pola súa innovación, polo uso da tecnoloxía, pola súa localización en zonas rurais ou semiurbanas ou pola súa relación con sectores estratéxicos.
Mariño destacou que a convocatoria está dirixida a iniciativas emprendedoras galegas, tanto persoas autónomas como pequenas empresas, cunha antigüidade máxima de 42 meses e usuarias dalgún dos 15 centros que integran a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Os proxectos seleccionados poderán acceder, en concreto, a algún destes servizos: imaxe corporativa, web corporativa, comercio electrónico, accións de márketing dixital, gráficas publicitarias, plan de márketing, investigación de mercados, estratexia de comunicación, vídeo márketing ou impresión. Uns servizos que serán desenvolvidos por empresas e profesionais vinculados ao Clúster da Comunicación de Galicia.