A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na Feira da innovación cooperativa, impulsada pola Mancomunidade de Ordes e apoiada pola Xunta. Alí, puxo en valor as cooperativas escolares presentadas hoxe por máis de 80 estudantes e a oportunidade de compartir experiencias sobre o emprendemento colectivo e a economía social.
A directora xeral aproveitou o encontro —no que participaron proxectos cooperativos asentados na contorna— para destacar a iniciativa da Escola de Novos Cooperativistas, impulsada pola Mancomunidade de Ordes ao abeiro da Rede Eusumo da Xunta para achegar o cooperativismo ás aulas e fomentar entre a mocidade valores como a cooperación, a participación, a responsabilidade compartida e o compromiso co territorio. Lembrou que este ano se aprobará a nova Lei de cooperativas, que busca visibilizar esta fórmula como alternativa para o emprendemento en sectores estratéxicos e coa que se persegue proporcionar maior seguridade xurídica e ferramentas máis claras e adaptadas á nova realidade socioeconómica.