González agradece o labor do ata agora presidente do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal, César Campos — secretario xeral de UGT Braga—, e desexa sorte á secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez, quen toma o relevo neste cargo
Traslada o apoio autonómico a este organismo para seguir construíndo un mercado laboral dinámico, inclusivo e xerador de emprego de calidade e pon como exemplo de colaboración o programa Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal
Destaca que o espírito deste consello interrexional concorda coa aposta do Goberno galego para consolidar o Diálogo Social en Galicia, ámbito no que a comunidade conta dun decreto para institucionalizar este espazo de interlocución social
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe o papel do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal en materia de cooperación transfronteiriza e de Diálogo Social para defender os intereses das persoas traballadoras da Eurorrexión. Nesta liña, sinalou a importancia da colaboración neste eido a prol dun mercado laboral transfronteirizo facilitador e áxil. Así o destacou no acto de cambio de presidencia neste organismo, onde estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.
Alí o conselleiro agradeceu o labor do ata agora presidente do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal, César Campos — secretario xeral de UGT Braga—, e desexou sorte á secretaria xeral de Comisións Obreiras de Galicia Amelia Pérez, quen toma o relevo neste cargo. Neste sentido, desta entidade forman parte Comisións Obreiras de Galicia, UGT Galicia, UGT Portugal e a Confederación General dos Traballadores Portugueses (CGTP-IN).
Ademais, José González trasladou o apoio da Xunta a este organismo para seguir construíndo xuntos un mercado laboral transfronteirizo dinámico, inclusivo e xerador de emprego de calidade. Máxime, subliñou, tendo en conta a intensa relación socioeconómica e laboral que existe entre Galicia e o norte de Portugal, xa que milleiros de persoas residen nun lado da fronteira e traballan no outro e isto supón vínculos laborais que xeran necesidades específicas de coordinación administrativa e protección social.
Esa colaboración do Goberno galego visibilízase en iniciativas como o programa Eures-Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, no que tamén participa o Consello Sindical Interrexional co obxectivo común de facilitar a mobilidade laboral entre ambas partes. De feito, deste proxecto resulta un traballo en rede entre sindicatos, administracións públicas, universidades e organizacións empresariais nun destinado a facilitar con intermediación un mercado laboral transfronteirizo aberto e accesible.
Aposta de Galicia polo Diálogo Social
No acto o conselleiro tamén manifestou que o espírito do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal concorda coa aposta da Xunta para consolidar o Diálogo Social en Galicia como marco clave na negociación en materia socioeconómica e laboral. Lembrou que Galicia conta co decreto que institucionaliza este espazo e que crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia. Esta normativa, que entrará en vigor en vindeiros días, busca dotar esta ferramenta —que leva máis de 20 anos en funcionamento— de maior transversalidade e impulsar a súa adecuación ás novas realidades sociolaborais e económicas. Nesta liña, sinalou que o obxectivo é “falar de todo o que sexa necesario para o progreso económico, social e laboral da nosa terra”.