A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou o comercio La Pera, no que se contratou a unha empregada grazas a estas achegas
A convocatoria actual, cun orzamento de 1,3 M€, está aberta ata o 30 de setembro
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou o apoio do Goberno galego á creación de novos empregos estables e ao crecemento de pequenas unidades produtivas, grazas ás achegas dirixidas a persoas traballadoras autónomas para a contratación indefinida e a formación de persoas desempregadas. Así o fixo durante a visita a unha das beneficiarias da pasada convocatoria na tenda de moda La Pera.
No caso deste comercio de moda feminina, a subvención recibida foi de 5.625 euros para a contratación dunha empregada a tempo parcial. “Con medidas como esta colocámonos de novo do lado dos autónomos e das persoas en busca de emprego”, destacou a delegada.
Na pasada convocatoria repartíronse máis de 65.000 euros en achegas no ámbito da Delegación Territorial. A actual está aberta ata o 30 de setembro, e conta cun orzamento de 1,3 M€ euros para os dous tipos de axudas, compatibles entre si.
A primeira delas é o Bono Contratación, polo que se proporciona unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas. No caso de que sexa a primeira vez que o beneficiario recibe este bono, a axuda para un traballador a tempo completo será de 7.500 euros, podendo chegar aos 9.000 euros se a persoa empregada é muller, parado de longa duración, maior de 52 anos, emigrante retornado, estranxeiro, ten algunha discapacidade ou está en situación ou risco de exclusión. O bono cobre tamén unha segunda e terceira contratación, para as que as achegas serán de 9.000 euros en xeral e 11.000 euros nos casos anteriormente mencionados. Ademais, nestes últimos casos, contémplase unhas subidas acumulables do 15% no caso de ser o emprego nun concello rural ou ser o empregado transexual, muller en profesión subrepresentada ou maior de 45 anos (non aplicable se a axuda se concede por ser maior de 52 anos). No caso da primeira contratación, poderase recibir un máximo de 14.400 euros, mentres que para as dúas seguintes o tope ascende aos 17.600 euros.
A segunda das axudas contempladas na convocatoria é o Bono Formación, un complemento opcional cunha achega de 2.000 euros por persoa beneficiaria. Con este, os autónomos ou profesionais poderán levar a cabo accións formativas dirixidas aos traballadores cuxos contratos se subvencionan por esta orde. Estas accións constarán dun mínimo de 70 horas de formación teórica, relacionada co posto, que deberá ser impartida nos tres primeiros meses de contrato e rematada antes do 30 de outubro. Quedan excluídas deste bono as formacións que supoñan unha obriga legal en materia preventiva.