A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e o director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), Carlos Vázquez, visitaron esta mañá en Oleiros a empresa Altia —onde os recibiu o seu presidente, Constantino Fernández Pico, e parte do seu equipo— co obxectivo de seguir analizando as necesidades do sector das tecnoloxías da información (TI) galego no eido da formación e da captación de talento. Na mesma liña da visita a Plexus desta mesma semana, valoráronse os cursos impartidos no CNTG para persoas traballadoras actuais e futuras deste campo económico, a través dos que se formaron máis de 80 traballadores de Altia na edición de 2024-2025. Canto á programación actual 2025-2026, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia ten previstos 151 cursos e 134 seminarios.

Cómpre engadir que está aberto o prazo para que as persoas desempregadas interesadas se inscriban en dous novos cursos da familia informática, que se impartirán no CNTG durante os meses de abril, maio e xuño. Abordarán o desenvolvemento de compoñentes software en linguaxes de programación orientadas a obxectos e o desenvolvemento de compoñentes software en contorna de cliente respectivamente.

Loading...