A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a empresa Telemática Galicia, na que se están a desenvolver diferentes accións formativas para persoas desempregadas (AFD) que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración apoia a través da convocatoria 2025-2026

A orde deste ano conta finalmente cun orzamento total de 60 millóns de euros

A Xunta ampliou en 20 millóns de euros o crédito da nova convocatoria 2026-2027 de accións formativas para persoas desempregadas (AFD). Esta ampliación, xunto ao crédito inicial de 40 millóns de euros, eleva o orzamento final ata os 60 millóns de euros. A convocatoria enmárcase no redeseño integral da formación para o emprego que está impulsando a Xunta e que aposta pola flexibilización, a axilidade, a conexión co mercado e a atención á demanda efectiva das persoas beneficiarias. Así o informou a delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita á empresa Telemática Galicia, beneficiaria da convocatoria anterior da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

En concreto, a empresa está a impartir tres cursos: un de actividades administrativas na relación co cliente; outro de xestión integrada dos recursos humanos; e un terceiro de habilitación para a docencia en graos A, B e C do sistema de formación profesional. Estas accións formativas reciben unha achega total de máis de 218.000 euros por parte da Administración autonómica e conta con 45 alumnos entre os tres cursos.

Durante a visita, a delegada lembrou que o prazo de solicitudes estará aberto ata o 30 de novembro de 2026 ou esgotamento de crédito, repartindo o total de 60 millóns en dúas anualidades para financiar accións que se inicien este ano e poidan prolongarse no seguinte. Aneiros destacou que “esta ampliación abre as portas a que máis persoas poidan aproveitar estas achegas e formarse para acadar un mellor futuro laboral”.

Cada acción formativa, tal e como se contempla desde 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30% do alumnado, o que garante que a formación estea vinculada á realidade produtiva e permite ás empresas canalizar as súas necesidades concretas a través de centros acreditados de xeito áxil.

Esta convocatoria complétase con outras como Galicia Suma Talento: Emprégate, dotada de 19,7M€, que por primeira vez inclúe incentivos á contratación das persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións AFD, obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego.

Convocatoria anterior

Aneiros lembrou que na convocatoria pasada 2025-2026 foron 12 as entidades das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que desenvolveron en total 33 accións formativas para persoas desempregadas, permitindo impartir na zona máis de 20.600 horas formativas para as que a Xunta concedeu case 2 millóns de euros en axudas para a súa financiación.

Loading...