A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a nova sede do servizo e fixo un balance do traballo desenvolvido e dos proxectos máis importantes

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou esta mañá a actividade desenvolvida polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Ferrol que desde a súa posta en funcionamento, no ano 2022, leva atendidos máis de 1000 proxectos e contribuído á creación de 150 entidades xurídicas. Fíxoo tras visitar nova sede do polo, na que avaliou o traballo desenvolvido e os proxectos máis importantes e singulares.

Durante o 2026, o polo ferrolán sumou 150 novos usuarios, e as mulleres seguen a ser as que máis buscan a asesoría do servizo, representando un 61% do total. Os sectores máis atendidos son o do comercio, a hostalería e os emprendementos tecnolóxicos.

Trala reunión a delegada territorial puxo en valor que 48 dos proxectos abertos actualmente no Polo son específicos de remuda, é dicir están orientados a fomentar o proceso de transmisión de negocios en funcionamento por mor da xubilación dos actuais propietarios. Nesta liña, Aneiros lembrou que a Xunta tamén ofrece apoios económicos a través do Bono Remuda —integrado na orde unificada de axudas para autónomos—, dotado cun orzamento total 1,5 millóns de euros e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro. Os negocios interesados en concorrer a esta convocatoria deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia, ademais de estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

O Polo de emprendemento de Ferrol —que vén de iniciar unha nova etapa na rúa María, 158 en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña— é un dos 15 polos integrados actualmente na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego a través dos que a Xunta busca impulsar e consolidar proxectos que teñan unha vinculación co seu entorno e nos que as persoas emprendedoras poidan atopar acompañamento personalizado para levar adiante as súas iniciativas aproveitando os recursos locais.

 

Loading...