O delegado territorial visitou esta mañá as instalacións de Ara Negocios e puxo en valor o papel da formación para mellorar a empregabilidade

O prazo para presentar as solicitudes da convocatoria 2026-2027 segue aberto ata o 30 de novembro ou ata que remate o crédito orzamentado

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Ara Negocios, entidade que imparte no concello de Pontevedra catro accións formativas para desempregados (AFD) grazas a unha achega da Xunta de máis de 251.000 euros.

Durante a visita, o delegado coñeceu de primeira man o desenvolvemento das accións formativas e intercambiou impresións co equipo responsable e co alumnado participante, aos que felicitou polo seu compromiso e implicación. Reguera destacou a importancia de contar con entidades formativas consolidadas como Ara Negocios, “capaces de ofrecer unha formación de calidade, aliñada coas necesidades reais do mercado laboral”.

Os catro cursos que se imparten en Pontevedra abranguen especialidades vencelladas á administración, á informática e á docencia para a formación profesional, contribuíndo a mellorar as oportunidades de inserción laboral das persoas desempregadas que participan nestas accións.

Cabe destacar que no concello de Pontevedra leváronse a cabo preto de 25 accións formativas por parte de nove entidades, o que supón un investimento da Xunta de máis de 1,4 millóns de euros.

O delegado territorial aproveitou a súa intervención para lembrar que “a política de emprego é a mellor política social que se pode facer” e animou ao alumnado a aproveitar ao máximo estas oportunidades formativas: “Detrás de cada curso hai un importante esforzo económico da administración, pero sobre todo hai unha aposta polas persoas e polo seu futuro profesional”.

O prazo para presentar as solicitudes da convocatoria 2026-2027, dotada con 40 M€, segue aberto ata o 30 de novembro ou ata que remate o crédito orzamentado. Cómpre destacar que a orde, no marco do redeseño da formación para o emprego que promove a Xunta, vén de ser reformulada co foco na flexibilización, a axilidade, a conexión co mercado e a atención á demanda efectiva das persoas beneficiarias, co obxectivo de potenciar a súa empregabilidade e responder ás necesidades de talento das empresas. A convocatoria permite modular a capacitación e reducir o tempo de formación, incluíndo graos B (200-300 h) e C (600-1.000 h), e, como novidade desde o ano pasado, microformacións de grao A (30-40 h), abrindo un escenario máis amplo e adaptado aos perfís e ás necesidades reais do mercado. Ademais, cada acción formativa, como se introduciu en 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30 % do alumnado.

Loading...