O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria destas achegas, dotada con 6,7 M€, dirixida a autónomos, mutualistas, pemes, cooperativas e sociedades laborais constituídas ou dadas de alta a partir do 1 de xaneiro de 2024

A medida é unha das primeiras ferramentas da Estratexia, hoxe en período de consulta co sector, e que abrangue todo o ciclo emprendedor, busca o equilibrio territorial e pon o aceno en aspectos chave como a continuidade dos negocios

Aliñada cos obxectivos trazados nesta planificación, na concesión dos apoios valoraranse criterios como o sector, con especial atención ao primario, forestal e servizos sociais, ou a localización en concellos de menos de 20.000 habitantes

Estas achegas permitirán ás persoas emprendedoras financiar equipamento informático, mobiliario, reformas e habilitación de locais, gastos notariais ou de alugueiro e a compra de activos pertencentes a establecementos existentes

As axudas poderán solicitarse desde mañá ata o 2 de marzo de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas ao emprendemento, dotada con 6,7 M€, e destinada a apoiar ata 800 novas iniciativas emprendedoras constituídas na Comunidade desde 2024. As axudas, que poden chegar aos 35.000 por proxecto, poderán solicitarse dende mañá e permanecerán abertas ata o vindeiro 2 de marzo de 2026.

Esta medida enmárcase na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en período de consultas con todo o sector, orientada a fixar actividade económica no rural e favorecer o equilibrio territorial e a remuda, abranguendo todo o ciclo emprendedor. En coherencia con estes obxectivos, a convocatoria deste ano incorpora novos criterios para garantir un maior impacto territorial e arraigamento dos proxectos. Como principal novidade, valoraranse aspectos vinculados co sector da actividade —con especial atención ao primario, ao forestal, á prevención de lumes e aos servizos sociais—, así como a localización en concellos emprendedores ou de menos de 20.000 habitantes, priorizando de maneira progresiva aqueles de menor poboación. Estas melloras súmanse ás introducidas en 2025, entre as que destaca o incentivo da remuda xeracional para garantir a continuidade de negocios viables en funcionamento.

Con esta liña de axudas —da que xa se beneficiaron 3.400 emprendedores desde 2022— a Xunta busca potenciar un ecosistema sólido no que as ideas dos emprendedores galegos, especialmente no rural ou en zonas con risco demográfico, conten con todos os recursos necesarios para converterse en realidade, nunha aposta xa referendada co recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025.

Condicións e intensidade das axudas

Poderán acollerse a liña de apoio publicada hoxe as persoas autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, cooperativas e sociedades laborais que se constituísen ou se desen de alta a partir do 1 de xaneiro de 2024, co obxectivo de financiar investimentos vinculados ao equipamento informático, ao mobiliario, ás melloras de eficiencia enerxética, á reforma de locais ou á adquisición de activos pertencentes a establecementos existentes, incluíndo bens de equipo de segunda man.

A intensidade das axudas varía en función do investimento realizado: entre 5.000 e 20.000 euros, cobertura do 55 %; entre 20.001 e 30.000 euros, do 50 %; e entre 30.001 e 60.000 euros, do 45 %. Cando o proxecto permita evitar o peche dun negocio por falta de remuda xeracional, aplicarase un incremento adicional do 10 %.

A convocatoria inclúe tamén apoios de 300 euros para gastos notariais e/ou rexistrais e de 1.500 euros para alugamento —que ascenden a 330 euros e 1.650 no caso de remuda, respectivamente— polo que as contías finais poderán oscilar entre os 2.750 euros e preto de 35.000 euros.

Rede de polos, motor do ecosistema emprendedor

Estas achegas económicas completan o labor de acompañamento gratuíto que ofrece a Rede de polos, que leva atendidos máis de 5.400 proxectos a través das súas 15 oficinas en Galicia. Precisamente ao abeiro da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, a Rede exercerá un papel fundamental na canalización e impulso de novas iniciativas, avanzando na especialización comarcal segundo os recursos de cada contorna. Ademais, este apoio complétase con outras medidas como a próxima orde unificada de axudas para autónomos, dotada con preto de 41 M€.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260130/AnuncioG0767-291225-0002_gl.html

 

Loading...