O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, respondeu na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego unha pregunta sobre o impacto da prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado nas políticas activas de emprego
Advertiu de que a conxelación dos créditos estatais desde 2023 está a trasladar ás comunidades autónomas unha presión crecente, agravada polo aumento do salario mínimo interprofesional, das cotizacións sociais e polo impacto da inflación
Subliñou o compromiso do Goberno galego co reforzo das políticas activas de emprego mediante recursos propios, poñendo o foco en iniciativas estratéxicas como ‘Galicia Suma Talento: Rural Activo’, que se incrementa este ano de 7 a 20 M€
Instou a unha revisión efectiva do financiamento estatal en materia de emprego, en consonancia coas obrigas legais vixentes, xunto cun modelo de distribución entre autonomías claro, equitativo e transparente
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, respondeu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego unha pregunta sobre o impacto da prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado nas políticas activas de emprego, cuxa xestión corresponde ás comunidades autónomas.
Fernández advertiu de que, cos créditos estatais conxelados desde 2023, as comunidades autónomas están a asumir unha presión crecente cunha marxe financeira cada vez máis limitada. A esta situación súmanse decisións adoptadas polo Goberno central con impacto directo nos custos, como o incremento continuado do salario mínimo interprofesional (SMI) e o aumento das cotizacións, ademais do efecto da inflación, sen unha actualización paralela dos fondos transferidos.
Segundo explicou, as políticas activas de emprego están directamente vencelladas a salarios e convenios, polo que o mantemento dos fondos conxelados provoca un impacto directo no alcance dos diferentes programas de axudas. Un escenario que cualificou de “parcheo permanente”, ao terse que cumprir obrigas legais con recursos deseñados para outro contexto económico.
Fronte a esta situación, destacou o esforzo da Xunta de Galicia por potenciar estas políticas a través de fondos propios, priorizando programas estratéxicos. Como exemplo, sinalou o incremento da orde Galicia Suma Talento: Rural Activo, que este ano pasa de 7 a 20 M€ para seguir reforzando os apoios ás entidades locais para a contratación de persoas desempregadas en tarefas de valorización forestal, silvicultura ou limpeza de montes, entre outras.
O secretario xeral instou a unha actualización real e efectiva do financiamento estatal en materia de emprego, acorde ás obrigas legais vixentes, xunto cun sistema de reparto dos fondos ás autonomías claro, xusto e transparente que garanta a correcta execución das políticas activas de emprego.