González explicou que se levou hoxe mesmo un segundo borrador á mesa de traballo creada para tal fin e que é documento aberto a aportacións a prol dunha ferramenta adaptada á realidade do SAF
Subliñou que para que a aplicación do protocolo sexa efectiva e para mantelo vivo e actualizado é esencial o compromiso dos prestadores do servizo, é dicir, dos concellos e das entidades ou empresas prestadoras do SAF
Avanzou que o Issga realizará campañas de sensibilización, concienciación ou asesoramento técnico para garantir o cumprimento do documento que identifica aspectos como factores de risco nesta actividade e as medidas de prevención
Tamén destacou o apoio autonómico á prestación deste servizo de competencia municipal, que subirá progresivamente nun 50% ata o 2028 tralo acordo de lexislatura acadado entre o Goberno galego e a Fegamp
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta continúa traballando coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e os axentes sociais implicados na elaboración do protocolo de prevención e actuación fronte a situacións de violencia ou agresións ás profesionais do Servizo de Axuda no Fogar —SAF—. Así o sinalou en resposta a unha interpelación sobre este tema na que subliñou que hoxe mesmo se presentou un segundo borrador do protocolo na mesa de traballo da Fegamp creada para a elaboración conxunta desta ferramenta e na que, ademais da Xunta e a Fegamp, participan organizacións sindicais e empresariais e o Colexio Oficial de Traballo Social.
Neste sentido, subliñou que o documento está aberto, xa que se basea na escoita activa e colaboración constante coas partes implicadas. Con elas estase a afondar nunha batería de medidas cunha verdadeira aplicabilidade e adaptada á realidade. De feito, aclarou, o protocolo ademais de identificar os factores de risco relacionados con esta actividade laboral e as medidas de prevención, tamén abarca o procedemento de actuación en todo caso e o circuíto de trámites, comunicación e accións fronte a estas situacións. O obxectivo, expuxo, é obter un documento resultado de todas as aportacións que se fixeron e se farán ata a súa publicación.
Compromiso esencial dos prestadores do servizo e apoio autonómico
En relación coa aplicación desta ferramenta, José González remarcou que “para que sexa efectiva e mantela viva e actualizada é esencial o compromiso dos prestadores do servizo; é dicir, dos concellos e das entidades ou empresas prestadoras do SAF”. Isto inclúe a súa incorporación no plan de prevención de cada unha das empresas, entre outras accións.
Ademais, adoptaranse distintas medidas para garantir o cumprimento e aplicación do protocolo. Entre elas, as campañas de sensibilización, concienciación ou o asesoramento técnico que realizará o Issga ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027. De feito, o seu plan de actuación para este ano, que se aprobará proximamente, incluirá unha nova campaña de promoción da prevención no SAF.
A isto súmase, engadiu, o acordo de lexislatura que se acadou por parte da Xunta —a través da Consellería de Política Social e Igualdade— coa Fegamp, para o financiamento do SAF, que é de competencia municipal. Este acordo supón unha suba progresiva do 50% da achega autonómica para finais da lexislatura —ano 2028— a esta prestación.
Pasos dados
Ademais, José González deu conta do traballo realizado ata o momento. Recordou que o Goberno galego asumiu a elaboración do documento baixo a petición unánime da mesa de traballo impulsada pola Fegamp, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia —Issga— como órgano técnico asesor de prevención de riscos laborais. Así, o Issga elaborou un primeiro borrador, presentado no Consello da Xunta en outubro e remitido á Fegamp para realizar aportacións no marco da mesa de traballo. Isto deu lugar a varias reunións técnicas celebradas, tanto coa Fegamp como coas principais organizacións empresariais e sindicais galegas nas que xurdiron aportacións que se tiveron en conta realizando as pertinentes modificacións que deron lugar ao segundo borrador abordado na reunión de hoxe.