O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que os incentivos sumaron 94.000 euros e permitiron crear nove postos de traballo femininos
A Xunta axudou a impulsar nove negocios liderados por mulleres na Zona Sur da provincia a través da convocatoria do programa Emega de emprendemento feminino correspondente a 2025. As achegas concedidas suman 94.000 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou en Monforte de Lemos dous dos establecementos beneficiarios, a óptica Bel Optometría e o bar Cristal. Ambos se acolleron á liña Emerxe, destinada a apoiar novas propostas empresariais e á creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
En canto á distribución por concellos, os incentivos chegaron o ano pasado a Monforte e Chantada, con tres emprendedoras respectivamente; así como a Pantón, A Pobra do Brollón e O Saviñao – unha por concello -.
A maioría solicitaron a liña Emerxe, con sete beneficiarias. As outras dúas corresponden á modalidade Impulsa, para favorecer a consolidación ou a reactivación de negocios e a implantación de medidas de mellora da competitividade.

Creación de emprego
En total creáronse nove postos de traballo co apoio deste programa, sete deles por conta propia e dous contratos. Cómpre resaltar que catro delas eran persoas desempregadas de longa duración. Ademais, a medida axudou ao mantemento de dous postos de traballo.
En canto aos sectores, os negocios da zona beneficiarios adícanse á hostalería, pastelaría, salón de peiteado, clases de ioga, óptica, venda de produtos para mascotas ou comercio de xoguetes, entre outros.
Arias explicou que a Xunta convoca cada ano o programa Emega para impulsar o liderado feminino no eido laboral. Inclúe catro modalidades de axudas: Emerxe, para incentivar as iniciativas empresariais constituídas por mulleres; Impulsa, para a consolidación ou reactivación de negocios; Innova, para desenvolver iniciativas con contido científico ou base tecnolóxica; e Concilia, para favorecer a conciliación profesional.