O DOG publica o decreto que habilita por primeira vez en Galicia un espazo oficial para certificar competencias profesionais de forma rápida e flexible, consolidando de xeito estratéxico un modelo de capacitación orientado ás necesidades das empresas

As empresas, clústeres, asociacións ou colexios profesionais poderán deseñar, impartir, avaliar e mesmo emitir as microcredenciais segundo as súas necesidades dentro dun marco regulado pola Xunta, que garante a calidade destas certificacións

O decreto entrará en vigor o 27 de febreiro e a súa implantación será progresiva nos vindeiros meses, apoiada no despregamento do sistema de calidade e en novas ferramentas dixitais para consultar, verificar e compartir as microcredenciais

A través deste espazo, as persoas traballadoras poderán acreditar habilidades específicas e incorporalas ao seu currículo dixital, en coherencia co marco europeo de microcredenciais e reforzando a súa mobilidade profesional

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto pioneiro en España para regular as microcredenciais no ámbito da formación para o emprego e avanzar na resposta que está a desenvolver o Goberno autonómico ante unha das principais necesidades do mercado laboral actual: facilitar a formación das persoas traballadoras en competencias moi concretas, de maneira flexible e directamente conectada co que demandan as empresas.

Deste xeito, Galicia contará por primeira vez cun sistema oficial que permitirá ás empresas crear formación curta, práctica e certificada segundo as súas necesidades reais, ao tempo que facilita ás persoas traballadoras acreditar competencias específicas de forma áxil e recoñecida, sen depender de itinerarios longos ou ríxidos. Este modelo compleméntase co resto da oferta formativa, alíñase coas recomendacións da UE e contribúe a mellorar a empregabilidade e reforzar a competitividade empresarial.

A nivel técnico, as microcredenciais son certificacións dixitais que acreditan coñecementos, competencias ou capacidades adquiridas a través de experiencias de aprendizaxe breves, prácticas e orientadas ao mercado. Inclúen sempre unha avaliación final e están deseñadas coa participación directa dos sectores produtivos. Por exemplo, unha microcredencial pode acreditar que unha persoa domina un novo proceso dixital nunha empresa ou sabe empregar ferramentas de análise de datos. Ou un clúster pode identificar unha necesidade común e transformala nunha experiencia de aprendizaxe non formal, curta —de entre 10 e 100 horas de duración, tal e como establece o decreto— práctica e con avaliación, cuxa superación dá lugar a unha certificación dixital verificable que a persoa poderá incorporar ao seu currículo.

Un marco oficial con garantías e implantación progresiva

En concreto, o decreto crea e regula —da man dos principais axentes do mercado laboral e cumprindo cun compromiso electoral— o Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo. Este establece as regras para deseñar, impartir, avaliar e certificar este tipo de formación curta, garantindo a súa calidade, utilidade e recoñecemento. A través deste marco, as microcredenciais contarán cun sistema público de calidade, verificación e rastrexabilidade, o que facilitará o seu recoñecemento oficial e reforzará a mobilidade profesional das persoas traballadoras.

O decreto entrará en vigor o 27 de febreiro e a súa implantación será progresiva ao longo dos vindeiros meses, apoiada no despregamento do sistema de calidade —que garantirá o estándar común— e en novas ferramentas dixitais que permitirán consultar, verificar e compartir as microcredenciais de forma sinxela, con fitos como a conta persoal de formación, accesible online. Estes novos recursos estarán vencellados a EMi, cuxa aplicación estará dispoñible este mesmo ano.

Na práctica, as microcredenciais amparadas por este espazo terán unha duración curta, poderán impartirse de forma presencial, en liña ou mixta e incluirán sempre a avaliación final. Toda a información publicarase nun portal dixital común accesible para persoas e empresas, facilitando a inscrición e o seguimento das certificacións obtidas.

Formación áxil á medida das empresas e a prol da empregabilidade

Este novo marco permitirá que empresas, clústeres, asociacións profesionais ou colexios profesionais de calquera sector poidan, unha vez acreditados segundo o recollido no decreto, crear formación específica para as competencias que realmente necesitan, sen depender de catálogos pechados ou centralizados. As futuras microcredenciais homologadas facilitarán ás empresas reducir tempos de adaptación aos postos de traballo, procesos ou novas tecnoloxías; mellorar os procesos de selección e promoción interna e acelerar a incorporación de talento con competencias xa acreditadas.

Para as persoas traballadoras —ocupadas ou desempregadas—, as microcredenciais son unha vía rápida para actualizar competencias, adaptarse a cambios tecnolóxicos e mellorar as súas oportunidades laborais sen ter que cursar formacións longas. Ao tratarse de certificacións acumulables e compatibles, poderán incorporalas á súa conta formativa e presentalas ante as empresas como acreditación oficial de competencias específicas

Loading...