O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, reuniuse esta semana coa presidenta da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), María Jesús Crespo, para afondar en distintas vías de apoio en materia de formación para o emprego no ámbito da gandaría co foco posto na cualificación de perfís especializados atendendo ás necesidades de man de obra deste sector. Unha cuestión, segundo se subliñou neste encontro, na que é clave a participación do sector, tanto no deseño dos contidos das accións formativas como na colaboración das explotacións para realizar a práctica da formación.

Nesta liña, durante a xuntanza púxose de relevo a importancia dunha formación flexible que, ademais de promover a cobertura de vacantes e a dinamización do territorio, favoreza a empregabilidade da cidadanía. Con ese fin, o Goberno galego conta cunha forte batería de medidas centradas na capacitación do talento de xeito flexible e á carta do tecido produtivo, e que seguirán desenvolvendo e potenciando nos vindeiros meses da man da colaboración público privada. Neste campo tamén xogarán un papel clave as microcredenciais para o emprego, que en Galicia serán reguladas por un decreto pioneiro en España, aprobado recentemente no Consello da Xunta co fin de que as empresas deseñen e impartan formación curta e certificada á súa medida.

Loading...