O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria 2026 destas achegas dirixidas ás entidades inscritas no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción de Galicia
A orde contempla apoios para o mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en proceso de inserción, subvencionando o 100 % do salario mínimo interprofesional
Tamén se prevén incentivos para impulsar a creación de empresas de inserción, axudar na xestión e dirección das novas entidades e contratar persoal técnico en orientación, estimando financiar así arredor de 12 postos de traballo
A medida alíñase cos obxectivos da vixente Estratexia galega de economía social: horizonte 2027, que prioriza tanto o reforzo da integración laboral de colectivos con especiais dificultades como o pulo ás entidades que traballan a prol dos mesmos
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 3 de febreiro ata o 30 de setembro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de 2026 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa que se promoverá —cun importe de 1,5 M€— a inserción sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social mediante incentivos ás empresas de inserción laboral (EI) e ás súas entidades promotoras que teñan centros en Galicia.
O programa ten como finalidade a mellora da empregabilidade e o establecemento de medidas para a inserción normalizada no mercado de traballo, en liña cos obxectivos da Estratexia galega da economía social: horizonte 2027, que prioriza —por unha banda— o reforzo dos programas de creación de emprego, con especial atención á integración de colectivos con especiais dificultades como as persoas que están en situación ou risco de exclusión —e por outra— as entidades que traballan para a integración laboral destes colectivos.
Estímase que poderán beneficiarse destas axudas arredor dunha vintena de empresas de inserción laboral inscritas no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción de Galicia, para que dean emprego a unhas 170 persoas en risco ou en situación de exclusión social e contratar unhas 12 persoas de nivel técnico ou de dirección.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 3 de febreiro ata o 30 de setembro de 2026.
Detalles da convocatoria
O programa de axudas, dotado cun financiamento total de 1,5 millóns de euros, ten como obxectivo apoiar a inserción sociolaboral de persoas en risco ou situación de exclusión social a través das empresas de inserción de Galicia. Estrutúrase en dous programas diferenciados. O Programa I céntrase no mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en proceso de inserción, subvencionando o 100 % do salario mínimo interprofesional mensual e en proporción á xornada realizada. Pola súa banda, o Programa II busca compensar os custos adicionais derivados do emprego destas persoas.
Concretamente, o Programa II articúlase en sete liñas de axuda que abranguen desde a asistencia técnica para a creación, mellora ou diversificación das empresas de inserción, ata o inicio e posta en marcha da actividade, a creación e ampliación de novos postos de traballo, a contratación de persoal xerente, técnico de produción e de orientación laboral, a formación das persoas en inserción e a mediación para a súa incorporación ao mercado laboral ordinario. As axudas poden acadar, con carácter xeral, ata o 80 % dos gastos subvencionables, con contías máximas que chegan, por exemplo, aos 12.000 euros por posto de traballo creado, podendo incrementarse ata 21.000 euros no caso de mulleres, persoas maiores de 45 anos ou centros situados en concellos rurais.
Ademais, prevense incentivos específicos para favorecer a inserción definitiva no mercado laboral, con axudas de ata 6.000 euros pola contratación indefinida en empresas ordinarias, pola transformación en indefinido ou polo inicio dunha actividade por conta propia ou incorporación a cooperativas. As entidades beneficiarias son as promotoras e empresas de inserción inscritas no Rexistro Administrativo de Galicia, establecéndose a posibilidade de anticipos de ata o 90 % da subvención concedida, co fin de facilitar a execución das actuacións e reforzar o impacto social e laboral destas iniciativas.
Ligazón á orde no DOG: