O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde da Veiga, Juan Anta, para afondar en vías de colaboración relacionadas co emprego e a captación de perfís cualificados ligados ás necesidades do tecido produtivo da zona, así como coa dinamización do territorio a través do emprendemento. En canto á atracción de talento a prol da cobertura de vacantes laborais, a Xunta conta cun modelo propio baseado na captación ordenada e planificada e enfocado de xeito prioritario ás persoas galegas do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna, que abarca accións para facilitar a súa incorporación en empresas galegas e tamén para apoiar o seu emprendemento por conta propia. Este modelo tamén inclúe medidas para traballadores de terceiros países. Neste eido, este ano lanzaranse axudas á rehabilitación de vivendas por valor de 1,5 M€, destinadas ás persoas contratadas no marco deste plan.
Ademais, tamén se puxeron de relevo outras accións promovidas pola Xunta coa colaboración dos concellos como A Veiga para potenciar a formación de talento. Entre elas, destaca a próxima orde Galicia Suma Talento: Rural Activo, que estará dotada cuns 20 M€ para apoiar entidades locais na contratación de máis de persoas desempregadas, principalmente para tarefas relacionadas coa prevención de incendios, incorporando como novidade axudas para a contratación de coordinadores municipais de prevención.