José González destacou o crecemento histórico desta modalidade, que por primeira vez superou as 2.000 cooperativas activas, que factura ao ano máis de 3.000 M€ e que emprega a unhas 78.000 persoas, entre socios e traballadores por conta allea
Tamén se referiu á Estratexia galega de economía social horizonte 2027 e sinalou que o Goberno galego seguirá afianzando o vindeiro ano con preto de 45 M€ o compromiso con este modelo, no que se encadra o cooperativismo
Insistiu en que para seguir avanzando é clave que o Estado actualice a Lei de réxime fiscal das cooperativas, modernizando o seu réxime especial de protección
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo o auxe do cooperativismo galego que, por primeira vez este ano, superou as 2.000 cooperativas activas, o que supón unha suba de arredor do 40% en relación a hai cinco anos. Ademais, destacou que este sector ten un volume global de facturación superior aos 3.000 millóns de euros anuais e que emprega a unhas 78.000 persoas, entre socios e traballadores por conta allea.
Así o puxo de relevo no acto de clausura do Ano internacional das cooperativas, celebrado hoxe en Santiago de Compostela e onde estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. Alí, José González, tamén salientou a aposta da Xunta a prol do pulo a este sector con medidas como Anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia que está a tramitar e sobre o que está previsto contar cun texto definitivo no primeiro trimestre de 2026.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que esta nova lei contribuirá á creación e consolidación de cooperativas, poñendo especial atención ao desenvolvemento do cooperativismo en ámbitos estratéxicos como os coidados, a enerxía e a vivenda. Tamén contribuirá, entre outros aspectos, a impulsar o Rexistro Autonómico neste eido e a adaptar o marco regulador ás novas necesidades da economía social.
Folla de ruta para impulsar a economía social
Ademais, puxo en valor a capacidade tractora deste sector no rural e nas distintas comarcas e o seu papel estratéxico no desenvolvemento económico, a cohesión social e a fixación de poboación no territorio. Un potencial, engadiu, ao que o Goberno galego tamén brinda outras ferramentas como a Estratexia da economía social, na que, entre outras familias, se encadra o cooperativismo. Con esta folla de ruta, que ten horizonte 2027, o Goberno galego aspira a crear 4.000 empregos e 400 novas entidades, posicionando esta fórmula de negocio nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. José González engadiu que o Goberno galego seguirá afianzando no 2026 este compromiso coa economía social cun orzamento de preto de 45 M€. Nel enmárcanse, entre outras medidas, os distintos programas de apoios para reforzar o ecosistema da economía social como motor de emprego no territorio, entre eles os destinados a fortalecer a Rede Eusumo.
A maiores, insistiu en que, para seguir avanzando é clave a implicación do Goberno central. Por exemplo, en cuestións como a necesaria actualización da Lei de réxime fiscal das cooperativas —vixente desde hai máis de 30 anos— para adaptala á nova realidade, blindando e modernizando o réxime fiscal estatal de protección das cooperativas e, ademais, que se lles outorgue automaticamente calquera beneficio fiscal aplicable a outros modelos empresariais.
Acto de peche do Ano internacional de cooperativas
O conselleiro tamén aproveitou a ocasión para agradecer o traballo do Consello Galego de Cooperativas, da Unión de Cooperativas Espazocoop e de todas as cooperativas participantes no acto de hoxe a prol do sector. Ademais, destacou este evento como exemplo de colaboración público-privada e do potencial do cooperativismo, pois na súa organización participaron varias cooperativas. Nel tratáronse de xeito ameno e didáctico distintas cuestións e experiencias do cooperativismo nos ámbitos do sector primario, as finanzas, o relacionado co estilo de vida e tamén coa cultura. Ademais, estreouse o Himno Cooperativista Galego, cun videoclip gravado pola Banda Sinfónica de Galicia e a Federación Coral Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a cooperativa de teatro Feroz interpretou a peza teatral que creou especificamente para a ocasión.