O DOG vén de publicar a redistribución de crédito da convocatoria única para persoas traballadoras autónomas deste ano, que suporá contar con preto de 300.000 € máis para atender un total de 67 solicitudes que garantan a remuda no tecido produtivo

Destacan entre os sectores beneficiarios o comercio e a hostalería, asegurando a continuidade de negocios viables, o mantemento do emprego e o impulso á actividade económica local

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a redistribución de crédito da convocatoria única de axudas para as persoas traballadoras autónomas de 2025 co gallo de ampliar en case 300.000 euros (ata os 1,5 M€) o Bono Remuda que permitirá asegurar a remuda xeracional en negocios que funcionan, co conseguinte mantemento do emprego e da actividade económica local. Grazas a este aumento poderán atenderse 67 solicitudes —o total das presentadas que cumprían os requisitos—, pertencentes maioritariamente ao comercio e á hostalaría e que recibirán unha media superior aos 20.000 euros por beneficiario co obxecto de facilitar a nova andaina das empresas con outras persoas á fronte.

Este incremento do Bono Remuda ata os 1,5 M€ coincide co orzamento co que estará dotada a medida no próximo 2026, no marco da orde única para autónomos que contará cun orzamento próximo aos 41 M€. A maiores deste aumento dun 20 % no Bono Remuda, incluiranse outras novidades como a extensión ata os 24 meses da cota cero para as novas altas en calquera actividade asociada á agricultura, á gandaría e á silvicultura.

Orde única

Coa previsión de beneficiar en total unhas 9.000 persoas e negocios do colectivo autónomo, cabe recordar que esta convocatoria do ano que vén volverá aglutinar o Programa de promoción do emprego autónomo (máis de 28,9 M€), que consta da liña que garantirá a cota cero para novas altas —durante 12 meses en xeral— e doutra para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego.

Así mesmo, inclúese o mencionado Bono Remuda, o Bono Autónomo (8 M€), para consolidar negocios con polo menos 42 meses de actividade; o programa Nova Oportunidade (1,5 M€), para apoiar a quen volva emprender; e o Bono Autónomo Concilia (750.000 €), con tres liñas diferentes.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251204/AnuncioG0767-021225-0001_gl.html

Loading...