A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou na Guarda a cafetería Estación Marítima A Rede, un proxecto do centro especial de emprego de San Xerome Emiliani, entidade coa que o Goberno galego colabora a través de distintas achegas. Este espazo tamén funciona como centro de formación dual en cociña apoiado pola Xunta.
Alí, tamén estivo o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social puxo en valor a aposta do centro especial de emprego de San Xerome Emiliani a prol da integración laboral de persoas con diversidade intelectual no Baixo Miño e a súa traxectoria de máis de 40 anos. Ademais, sinalou que a través da formación búscase que as persoas con discapacidade intelectual poidan obter un certificado de profesionalidade para exercer un oficio e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral ordinario.