Así se puxo de manifesto nas diferentes conversas mantidas durante toda a fin de semana entre o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a dirección da compañía

Tras as conversas mantidas durante toda a fin de semana entre o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a dirección de Sargadelos, a Xunta reitera ao empresario a necesidade de retomar canto antes as súas funcións executivas e recuperar a actividade da planta de Cervo con normalidade, en beneficio das persoas traballadoras, das súas familias e da propia empresa. Neste sentido, o Goberno galego lamenta a súa dimisión como CEO da fábrica e solicita que reconsidere a súa posición.

Con respecto ao Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentado pola dirección da planta en Cervo, a Xunta rexéitao ao detectar incongruencias que impiden que a solicitude se axuste á normativa aplicable. Como autoridade laboral, o Goberno galego demanda información e documentación adicional á empresa e vixiará o cumprimento da lexislación laboral, coñecedores de que o subsanamento das eivas detectadas, no que está a colaborar a Xunta no financiamento das obras dada a singularidade das instalacións, é compatible co mantemento da actividade, permitindo garantir a seguridade e a saúde do persoal.

Cómpre lembrar que desde abril a Xunta estivo en contacto permanente coa empresa, cos traballadores e coa Inspección de Traballo, mediando para ofrecer a máxima flexibilidade legal na execución das actuacións necesarias. Froito destas xestións, a Inspección concedeu a Sargadelos un prazo suficientemente amplo para acometer as actuacións previstas nos requirimentos de marzo de 2025 e setembro de 2024.

Loading...